InicioEconomíaO comité de Alcoa desconfía do interese de Alibérico e prepara máis...

O comité de Alcoa desconfía do interese de Alibérico e prepara máis mobilizacións

Os sindicatos entrevistaranse este mércores con Industria para reclamarlle a intervención e o xoves pediranlle á dirección da multinacional que retire o despedimento colectivo anunciado

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao reunirase o vindeiro mércores, 3 de xuño, de forma telemática co secretario do Ministerio de Industria, Raül Blanco, a partir das 16.00 horas para reclamar unha “intervención temporal” da compañía co fin de garantir a súa “viabilidade a longo prazo”, despois de que a multinacional anunciase que ten a intención de iniciar un despedimento colectivo que afectaría a ata 534 empregados na planta de aluminio, ademais de alomenos 300 nas empresas auxiliares.

O presidente do comité da fábrica de San Cibrao, José Antonio Zan, remarca que a petición que se vai a trasladar ao Ministerio de Industria é a que “defendeu” o vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, de “buscar unha intervención temporal da empresa” co fin de que se manteña o “100% do emprego” e a súa “produtividade”, unido á necesidade dunha tarifa eléctrica estable.

O DOMINGO, NOVA PROTESTA

Os representantes dos traballadores chegan a este encontro tras varias mobilizacións nos últimos cun gran respaldo dos veciños da Mariña Lucense, con accións que levaron ao corte da autovía A-8 e da N-642, este mesmo martes. De feito, preparan unha manifestación para o vindeiro domingo, na que o Goberno “vai saber realmente co que está a xogar”. E é que Zan censura que o Ministerio de Industria “cometeu un erro moi grave e a pelota xa non está no seu tellado, a pelota está no tellado de Pedro Sánchez” que debe achegar unha solución, ao seu xuízo.

Zan remarca que este é un sector industrial “estratéxico” para o país, pois “non pode haber unha transición ecolóxica e enerxética sen a industria do aluminio”, xa que é clave “para sectores básicos como aeronáutica e automoción“, así como para os de alimentación e farmacéutico. Lembra que Alcoa foi a “primeira empresa” en ser declarada esencial durante o estado de alarma.

Os sindicatos reuniranse o vindeiro xoves en Lugo coa dirección de Alcoa España. Pediranlle aos directivos da multinacional que retire o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) anunciado.

“FILTRACIÓNS INTERESADAS”

Noutra orde de cousas, fontes de Alibérico confirman a Europa Press o interese da compañía en comprar a fábrica de San Cibrao no caso de que se abra un proceso de venda por parte de Alcoa. “Interesaríanos fabricar aluminio primario porque así pechariamos todo o ciclo”, avanza o presidente de Alibérico, o empresario galego Clemente González Soler, este martes a La Voz de Galicia, onde sinala que esa compra dependería dun prezo estable da enerxía a longo prazo. Respecto ao posible interese doutras compañías na compra da planta de San Cibrao, o presidente do comité de empresa prefire non pronunciarse. “Sobre filtracións interesadas non imos falar”, sostén Zan, e remítese a que só lles preocupa que haxa “un acordo” para manter o emprego.

Alibérico xa soara, segundo asegurara Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), como posible comprador das plantas de Avilés e A Coruña, finalmente vendidas ao fondo suízo Parter.

O GOBERNO ATRIBÚE O ATRASO NO ESTATUTO Á “INESTABILIDADE POLÍTICA” É Á COVID-19

Pola súa banda, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, instou este martes de novo á Xunta de Galicia a que exerza as súas competencias en materia industrial no canto de “buscar culpables” ante un posible peche de Alcoa en San Cibrao e pediulle lealdade institucional para manter o emprego industrial na rexión.

Na súa resposta ao senador do PP José Manuel Barreiro, quen atacou ao Executivo central por non aprobar un marco lexislativo que dea estabilidade ao prezo da enerxía -uno dos principais problemas que alega Alcoa-, Maroto dixo que a “inestabilidade política” e “unhas cantas eleccións” imposibilitarían a aprobación do estatuto, xunto coa situación creada pola pandemia de Covid-19.

Barreiro seguiu na liña do partido conservador e afirmou que “se pecha Alcoa” o Goberno “será o único responsable“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...