Alcoa cóase no debate sobre a prórroga do estado de alarma: “estes non son ricos de Núñez de Balboa”

Cunha imaxe dos obreiros, Néstor Rego (BNG) esixiu ao Goberno que os "teña en conta"; PP e Vox defenden á multinacional e atacan a Sánchez, que reclama á empresa "responsabilidade"

Rego (BNG) amosa fotografías dos traballadores de Alcoa. AXM

EFE. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu este mércores ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, “que teña en conta” aos traballadores de Alcoa San Cibrao, tendo en conta que o Executivo central “aínda non se moveu” ante a decisión da empresa de pechar a planta de aluminio.

“A urxencia sanitaria e o estado de alarma non poden ser o pretexto para desatender Galicia: vostede ten os resortes para facelo, desde as xestións coa empresa á súa nacionalización, se é necesario”, apuntou Rego durante a súa intervención no debate sobre a prórroga do estado de alarma.

Así, o parlamentario nacionalista tachou de “inexplicable” que o Goberno central “non se moveu” tras coñecer unha decisión “que deixa na rúa a 900 traballadores -entre Alcoa e a industria auxiliar– e afectará gravemente á comarca da Mariña Lucense“.

“Galicia xa padecía unha grave e visible crise industrial que non foi debidamente atendida, especialmente no caso da industria electrointensiva“, lamentou.

Para rematar, Rego mostrou a Sánchez dúas fotografías das mobilizacións que nos últimos días veñen protagonizando os traballadores de Alcoa San Cibrao.

“Estes non son os ricos de Núñez de Balboa defendendo os seus privilexios: son os traballadores do meu país loitando polos seus dereitos e espero que o teña en conta”, resolveu Rego.

CASADO E ABASCAL ACUSAN AO EXECUTIVO DE “ATACAR” Á COMPAÑÍA

Pola súa banda, o líder do Partido Popular (PP), Pablo Casado, asegurou que os traballadores de Alcoa pagan os “ataques” do Goberno “á industria electrointensiva”. Na mesma liña, a ultradereita de Vox acusou a Sánchez e ao vicepresidente do Goberno central, Pablo Iglesias, de estar “a punto de cargarse” a planta de San Cibrao “coas súas políticas sectarias”.

Sánchez, pola súa banda, afirmou que “temos que reclamar responsabilidade a unha empresa que recibiu 38 millóns de euros a cambio de manter empregos e que nos ofrece este escenario insatisfactorio”, argumentou.

O presidente do Goberno central afirmou no que semella unha alusión á cuestion da enerxía, que se tentan “resolver” os “parches” que “foi poñendo” o anterior Executivo central, e afirmou que “busca investidores” para “salvar a planta de Lugo”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here