Volve o bonito a Burela, dez días antes do habitual: 22.800 quilos a 8,46 euros de media

A antelación e a cantidade de túnido descargado destacan na primeira poxa da costeira; a preocupación polo efecto da Covid-19 marca unha campaña con poucos barcos locais

Bonito na lonxa de Burela. EFE

A lonxa de Burela acolleu este mércores a primeira hora da mañá a primeira subasta de bonito do norte do ano 2020. Dous buques de Bermeo, o Matxaku e o Almikeko Ama, descargaron o primeiro túnido chegado a porto nesta costeira. A poxa inaugural da campaña, máis madrugadora en comparanza coas datas dos últimos anos, deixou cifras alentadoras no tocante á cantidade de peixe vendido –22.800 quilos– e tamén no prezo medio de venda, con 7,90 e 9,02 euros. A cotización máxima foi de 12,20 euros.

“A primeira subasta sempre se soe realizar entre o 12 e o 15 de xuño, co cal este ano se adiantou dez días. Hai que remontarse a 2014 e 2015 para atoparse con datas similares, algunhas incluso máis temperás”, expón o xerente de Armadores de Burela, S. A. (Absa), Miguel Neira.

A cantidade subastada é outro dos datos positivos da primeira poxa. “Normalmente atopámonos con 5.000 ou 6.000 quilos por barco, pero esta vez tivemos dous buques por riba dos 10.000“, indica Neira, que remarca que o bonito vendido era “de altísima calidade, capturado en moi poucos días e cun tamaño por riba do habitual nestas datas, de mellor calibre“.

RÁPIDO CONSUMO DE COTA NOS ÚLTIMOS ANOS

A crise socioeconómica que provoca o coronavirus marca unha campaña incerta, que se suma á habitual preocupación polo rápido consumo de cota, que fixo que as últimas campañas acabasen moito antes do habitual, a de 2019 o 27 de agosto e a de 2018 o día 23 dese mes. “Estamos falando de 16.300 toneladas, 300 menos ca na campaña anterior, e se o ritmo de pesca se mantén e o bonito segue preto da costa, podería darse unha situación similar”, indica Neira.

ATENTOS AO IMPACTO DA COVID-19 NOS PREZOS

Respecto ás consecuencias do Covid-19, Neira de posibles variacións dos prezos “pola afectación do coronavirus no peto dos consumidores e tamén polo impacto no canal HORECA (hoteis, restaurantes e cafeterías), dado que a apertura destes negocios vai lentamente e non prevemos que se recupere unha normalidade total nos vindeiros meses. A primeira subasta non ten por que ser demostrativa porque sabemos que sempre hai ansiedade por comprar bonito fresco e por incorporalo aos catálogos de produtos”, remarca Neira.

PORTO DE REFERENCIA DA PESQUERÍA

Malia que se amosa reacio a marcar uns obxectivos, principalmente por estes factores, Neira sostén que “unha boa costeira debera andar por 1.600/1.700 toneladas e cun prezo de venta por riba dos catro euros”.

Nesta campaña tampouco se prevé que cambie a tendencia habitual nos últimos anos, cun menor peso da costeira do bonito dentro da frota de Burela. Novamente serán poucos os barcos con porto base na vila burelá que inicien a campaña. Con todo, o peirao mariñao, que recolleu descargas do túnido de ata 55 buques na pasada campaña, seguirá a ser un referente da comercialización deste produto no norte de España.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here