InicioEconomíaAlcoa négase a valorar unha venda e o Goberno pídelle que "se...

Alcoa négase a valorar unha venda e o Goberno pídelle que “se faga a un lado” para a continuidade do aluminio

Os sindicatos ven a intervención como única saída á planta; a multinacional di que a fábrica ten "problemas que non se van revertir" cun traspaso; a Xunta reclama axudas para a empresa

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao asegurou ao remate da mesa multilateral polo futuro da planta de aluminio, factoría na que a multinacional anunciou un despedimento colectivo que afectaría a 534 empregados e máis de 400 obreiros de contratistas, que a compañía non só se nega a continuar coa produción, dado que “calquera marco enerxético que se aprobe non lle serve”, senón que “tampouco entra a valorar unha posible venda“.

Segundo o presidente do comité, José Antonio Zan, a Xunta de Galicia comprometeuse a favorecer unha PPA (Power Purchase Agreement), é dicir, un acordo ou contrato bilateral de compravenda entre un subministrador de enerxía renovable e a planta de aluminio, a fin de manter un prezo da electricidade “estable e competitivo“, para un horizonte a medio prazo duns quince anos.

O Goberno central, por outra banda, e acorde coa mesma fonte, prometeu establecer un marco enerxético favorable para a produción de aluminio, dado que a luz supón o 40% dos gastos produtivos da planta. Esta regulación debería ofrecer unha estabilidade de alomenos dous anos para ter garantías de consumar a mencionada PPA.

O comité de empresa, que dá o visto bo a estas alternativas, non ve “ningunha vontade” por parte de Alcoa de continuar coa produción de aluminio, dado que se “lle preguntou se quería vender e negouse a unha venda”. Nesta tesitura, os sindicatos instan ao Executivo a intervir a fábrica de aluminio: “o Estado conta cos mecanismos suficientes para facelo”, remarca Zan.

Deste xeito, “como traballadores, a única solución que temos é a loita“, concluíu o sindicalista. A dirección de Alcoa e o comité de empresa de San Cibrao manteran mañá mércores unha nova xuntanza no período de consultas informal aberto pola multinacional para abordar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) anunciado.

“NON QUEREMOS UNHA MORTE POR CAPÍTULOS, DI O EXECUTIVO CENTRAL

Por parte do Goberno, o secretario xeral de Industria e da Peme, Raül Blanco, insistiu na necesidade de “manter a unidade” de actuación para conservar a produción e o emprego na planta de Alcoa en San Cibrao, e instou á dirección de Alcoa a que aclare o seu plan industrial.

Trala reunión telemática, na que participaron as federacións autonómicas de Industria de UGT, CC OO e CIG, Blanco esixiu á multinacional que, se non presenta un plan industrial, “e quere pechar en España, Europa e Estados Unidos para centrarse noutros proxectos, dea un paso a un lado. Non queremos unha morte por capítulos”, afirmou Blanco, que concluíu que “Lugo, Galicia e España estanllo a dicir”.

ALCOA RECIBIU 693 MILLÓNS EN AXUDAS DESDE 2011

Blanco insistiu en que o Estado ten un compromiso “tanto para o mantemento da produción de aluminio primario como coas industrias electrointensivas e hiperelectrointensivas” e concretou que Alcoa San Cibrao recibiu 693 millóns de euros (132 por interrompibilidade e CO2) desde 2011. Tamén que desde 2009 a empresa “non presentou ao Goberno de España petición algunha de apoio para plans de investimento ou á innovación industrial”, afirmou.

A MULTINACIONAL XUSTIFICA A NEGATIVA EN QUE OS PROBLEMAS DE ALUMINIO “TEÑEN NATUREZA PERMANENTE”

Pola súa banda, a multinacional asegurou a través dun comunicado de prensa que a situación de aluminio é “insostible“, dado que os problemas da planta “teñen unha natureza permanente e non se van revertir. As proxeccións para os próximos anos non cambiarán esta situación, facendo que a posibilidade dunha venda da planta non sexa factible xa que a produción non é sostible“, argumenta.

A compañía sostén que “o proceso informal de consultas iniciado cos representantes dos traballadores é o marco apropiado para discutir o futuro da planta de aluminio”.

“Alcoa sempre foi sensible ao impacto de calquera anuncio de reestruturación e propuxo este período de consultas informal para proporcionar o tempo adecuado para discutir cos representantes dos traballadores alternativas e medidas. Polo tanto, Alcoa quere facer un progreso significativo cos representantes dos traballadores antes de iniciar un período de consulta formal, xa que non se tomou ningunha decisión e non se tomará ata que conclúan as consultas”, finaliza a multinacional.

O PLAN ANUNCIADO POLA EMPRESA, LIMITAR ALUMINIO Á FUNDICIÓN E SEGUIR CON ALÚMINA

Segundo o plan exposto por Alcoa, na planta de aluminio unicamente se manterían determinadas tarefas de fundición, clausurándose a electrólise e quedando unicamente arredor do 16% do persoal, 99 obreiros. A multinacional afirma que non ten previsto tocar o emprego nin a produción en alúmina, pero os sindicatos dubidan de que esta factoría poida ter futuro a medio prazo, dado que a fábrica irmá de San Cibrao consome un terzo do produto.

CONDE INSISTE EN PRESIONAR AO GOBERNO

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, lamentou tralo encontro virtual que o Goberno non presentase na xuntanza borrador do estatuto para os consumidores electrointensivos “e segue sen concretar se aceptará as alegacións de Galicia, Asturias e Cantabria para fixar un prezo da luz competitivo”.

Nun comunicado de prensa, o dirixente da Xunta de Galicia reclamou que “se publique no Boletín Oficial do Estado (BOE) a convocatoria de poxa de interrompibilidade para o segundo semestre do ano, así como o orzamento máximo que permite a Unión Europea para as compensacións por emisións de CO2“.

Conde reclamou, por último, “un plan específico da industria electrointensiva para acceder ao reparto dos novos fondos europeos“.

A CIG RECLAMA A XUNTA E ESTADO “CALENDARIOS DEFINITIVOS” PARA AS MEDIDAS COMPROMETIDAS

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, fixo fincapé na “necesidade de adoptar medidas lexislativas para evitar unha resolución en negativo do conflito, que pasan en primeiro termo pola recuperación a autorización previa dos ERE e pór en marcha os mecanismos para a intervención pública do complexo de San Cibrao”.

O sindicato nacionalista afeoulle á empresa que “é incompatible estar nesta mesa de negociación e ir consumando as fases que pretende levar a cabo con carácter definitivo”.

Carril demandou dos Gobernos español e galego “certezas e un calendario definitivo, preciso e detallado, do estatuto electrointensivo e das medidas complementarias que permitan crear un marco enerxético competitivo, estable e predicible”, e que, nesta liña, “se clarifique dunha vez que prezo final vai ter a enerxía”.

AS AUXILIARES, “DANO CONSUBSTANCIAL”

A CIG tamén expuxo a problemática específica do persoal das auxiliares, que non ten vía de expresión na mesa convocada por Alcoa e que polo tanto, ten que ser neste marco multilateral onde se resolva. “Porque o impacto no emprego da industria auxiliar non é un dano colateral, é un dano consubstancial”, finalizou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...