InicioEconomíaOs obreiros de Alcoa retomarán as protestas o domingo na Rapadoira

Os obreiros de Alcoa retomarán as protestas o domingo na Rapadoira

O comité chama ao persoal a unha concentración para visibilizar a situación de aluminio; sindicatos e empresa retomarán a vindeira semana o período de consultas informal do ERE

Publicada o

- Advertisement -

O persoal de Alcoa San Cibrao retomará o domingo, 14 de xuño, as protestas para reivindicar unha solución para a planta de aluminio, na que a multinacional anunciou un despedimento colectivo que afectaría a 534 traballadores, máis outros alomenos 400 obreiros de empresas auxiliares. O comité chama aos operarios a unha concentración en Foz, na praia da Rapadoira, a partir das 11.00 horas.

Será un acto, segundo concretan fontes do comité, que pretende ser unha nova chamada de atención sobre o conflito laboral no complexo industrial de San Cibrao, aínda que non se agarda unha presenza masiva de veciños como aconteceu en Viveiro. Dado que se prevé que a loita polo mantemento da produción e o emprego será longa, os sindicatos non citarán esta vez á cidadanía da Mariña Lucense para que os acompañe.

A DATA PARA SENTAR COA EMPRESA, POR CONCRETAR

O comité segue a negociar con Alcoa cando se reunirán para acelerar o período de consultas informal do Expediente de Regulación de Emprego (ERE). A multinacional citou aos obreiros o luns, martes e mércores, mentres que os sindicatos, que insisten en que a resolución do conflito laboral debe chegar dentro da mesa multilateral polo futuro da planta -coa presenza de Xunta de Galicia e Goberno central-, enviaron unha proposta alternativa. A intención de compañía é presentar un informe sobre a situación da planta de aluminio, dado que polo de agora negouse a abordar o problema da enerxía eléctrica, tal e como reclaman os obreiros.

Os traballadores reclaman, ante a nula vontade de continuar que ven en Alcoa, unha fronte común por parte de Goberno central e Xunta de Galicia para asegurar que non se apaguen as cubas de electrólise e dar viabilidade a aluminio, cunha intervención se é necesaria, e establecendo un marco enerxético competitivo e estable sen o que ven imposible ter un futuro, dado que a luz supón o 40% dos gastos de produción desta factoría.

ASEMBLEAS ESTE VENRES

Este venres -ás 13.00, 14.00 e 15.00 horas- celebraranse de novo as habituais asembleas de persoal, nas que se informará aos traballadores sobre as conclusións das dúas citas desta semana, a reunión da mesa multilateral e a entrevista dos sindicatos coa dirección de Alcoa.

MAROTO: “ALCOA SÓ OFRECE HIBERNAR A PLANTA”

Segundo informa EFE, A ministra de Industria, Reyes Maroto, dixo que, na mesa multilateral mantida o pasado martes, Alcoa non soubo responder por que nos últimos tres anos non presentou ningún plan para a súa planta de San Cibrao, en Lugo, e afirmou que a multinacional só ofrece hibernar a fábrica.

Maroto, que compareceu o pasado mércores en comisión no Senado, sinalou, en resposta ás críticas dos grupos á actuación do Goberno no conflito de Alcoa, que onte se convocou por segunda vez a mesa de seguimento.

Maroto criticou que Alcoa non presentase nos últimos tres anos un plan industrial para as súas fábricas, “cando o Plan Reindus destinou moito diñeiro en Galicia e en toda España 800 millóns nos últimos dous anos”.

TELLADO VE A NACIONALIZACIÓN “UNHA MEDIDA COXUNTURAL” PARA UN PROBLEMA “ESTRUTURAL”

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, esixiu este xoves ao Goberno que dirixe Pedro Sánchez que “deixe de atacar” á industria galega e que “pense en crear emprego, non en pechar empresas”, sobre todo dada a crise económica e social que se albisca tras a pandemia do coronavirus.

Na quenda de preguntas, cuestionado acerca dunha posible nacionalización da fábrica, Tellado rexeitou promocionar “debates accesorios” e alegou que sería “unha solución conxuntural para un problema estrutural”.

Tamén defendeu que as empresas que teñen “beneficios seguen”, chámense “Alcoa” ou “doutra maneira”, mentres que nacionalizar para “producir a perdas” tampouco tería sentido, baixo o seu punto de vista.

PONTÓN RECLAMA A PP E PSOE “VONTADE POLÍTICA” PARA SALVAR A FACTORÍA

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que un goberno liderado pola súa formación “non vai deixar caer a Alcoa”. “Se o PP e PSOE non teñen alternativa nin vontade política para salvar a factoría, o BNG si, e esa alternativa pasa pola nacionalización e por unha tarifa eléctrica galega“, remarcou.

Ademais, aposta por unha “nacionalización” como solución para a factoría, a través dunha intervención pública, “legal, posible e imprescindible”, como se fai por parte de Alemaña, exemplificou, e reiterou o seu “convencemento” de que se a factoría, en lugar de na Mariña de Lugo, estivese en Madrid, a “solución xa estaría sobre a mesa”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...