InicioEconomíaAdega ve "falaz" o debate sobre o prezo da luz e pide...

Adega ve “falaz” o debate sobre o prezo da luz e pide reorientar San Cibrao á reciclaxe do aluminio

O colectivo ecoloxista cre que o peche da fábrica "non ten volta atrás"; insta ás Administracións a desligarse "dos intereses das electrointensivas" e buscar alternativas para a comarca

Publicada o

- Advertisement -

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) presentou este venres un informe, ‘Cinco verdades e cinco mentiras sobre Alcoa‘, a través do que tenta “introducir unha perspectiva ecoloxista no debate” xerado arredor da planta de aluminio primario de San Cibrao, onde a multinacional anunciou un despedimento colectivo que afectaría a 534 traballadores da fábrica e a outros alomenos 400 de empresas auxiliares.

O colectivo asegura que o obxectivo “non debe ser procurar unha solución para a compañía, senón para a comarca da Mariña Lucense, tendo en conta que esta pode estar lonxe da permanencia da firma estadounidense ou, mesmo, da produción de aluminio tal e como agora se fabrica“, argumenta. Deste xeito, quere contribuír co dossier, afirma, a que haxa “unha análise da situación máis xusta, equilibrada e integral”.

Para Adega, unha das principais “falacias” nas que caeu o debate social sobre a situación de Alcoa é “situar as razóns do peche da factoría de San Cibrao na carestía do prezo da luz eléctrica no Estado español e na falta fun estatuto para industrias electrointensivas. Nada máis lonxe da realidade”, afirma a organización ecoloxista, que manifesta que, “malia que este argumento serviulle á Alcoa para obter axudas públicas multimillonarias na última década”, a multinacional “xa recoñece que non o custo da electricidade nada ten que ver coa súa marcha”. Neste sentido, Adega critica á Xunta de Galicia que “teime” en insistir nesta cuestión.

CRITICA QUE SE “INFLA” O IMPACTO DE ALCOA NO PIB PROVINCIAL E DUBIDA DA COMPETITIVIDADE DA PLANTA

Adega tamén cuestiona o impacto de Alcoa San Cibrao no conxunto da provincia de Lugo, rebatendo “o uso de cibras do Produto Interior Bruto (PIB) infladas interesadamente para magnificar” a súa importancia económica.

Neste sentido, asegura que “segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o PIB da provincia é de 7.139 millóns de euros e o de Cervo, onde se contabilizan as rendas de Alcoa (nomeadamente, salariais) é de 372,5 millóns de euros. Por tanto, como queda de manifesto, Alcoa podería representar o 5,2% e non o 30%“.

Ademais, pon en cuestión “o carácter estratéxico atribuído á factoría ou a súa competitividade a nivel global, tal e como agora está concibida hoxe en día a produción de alúmina e aluminio”.

Adega considera que a decisión de Alcoa de deixar a produción de aluminio primario “non ten volta atrás“, e no informe tenta aclarar que os motivos da súa marcha teñen que ver non co gasto en electricidade “senón cun proceso de reconversión industrial do sector na procura de novas formas de produción máis rendibles e sustentables. Por iso, cómpre virar o debate cara a procura dunha alternativa económica, social e ambiental para a Mariña, e non para Alcoa”, xulga a organización ecoloxista.

PIDE DESTINAR FONDOS DA UE PARA UNHA “SOLUCIÓN INMEDIATA” PARA OS TRABALLADORES

O colectivo reclama “unha solución inmediata” para os máis de 900 postos de traballo ameazados. “O Estado ten por diante unha oportunidade clara de mitigar o impacto dos despedimentos de Alcoa, sen comprometer o futuro do sistema eléctrico español e sen sacrificar outras potencialidades produtivas da comarca”. Deste xeito, insta ao Goberno central a “facer uso dos fondos procedentes da Unión Europea destinados a solventar os efectos do coronavirus no emprego e na economía para cubrir as rendas salariais ameazadas e incentivar novas fórmulas de creación de emprego na comarca”.

INSTA A RECLAMAR A ALCOA QUE RESARZA “A DÉBEDA ECOLÓXICA” COA MARIÑA

Adega sostén que “en ningún caso” a resolución do actual conflito laboral “debe levar aparellada a condonación da débeda ecolóxica de Alcoa ou imprimir unha urxencia necesaria ao deseño político e social do futuro desenvolvemento da Mariña Lucense ou do noso sistema enerxético e industrial, comprometéndoo de novo aos intereses da industria electrointensiva“.

Rolda de prensa de Adega en Lugo, na que presentou o informe. AXM

Con respecto á mencionada débeda ecolóxica, Adega considera que Alcoa debe “resarcir” o déficit xerado ” a nivel de consumo eléctrico, contaminación atmosférica e por flúor, vertidos ao mar e ocupación dunha superficie de 73 hectáreas con máis de 41 hectómetros cúbicos de lamas vermellas, para as cales a día de hoxe aínda non hai solución”.

Alcoa recoñece na documentación presentada na Xunta para a renovación da súa autorización ambiental integrada (AAI) que supera os límites de emisión para o flúor e as partículas por factores moi altos (máximo de x20 e x14, respectivamente). A asociación ecoloxista acusara no pasado mes de outubro á multinacional de “chantaxear” ao Goberno autonómico ao solicitar exceder os topes de contaminación a cambio de manter o emprego.

O colectivo ecoloxista sostén que o actual sistema de produción de aluminio primario “resulta altamente agresivo co territorio, depredador de recursos, hiperintensivo no consumo de enerxía e contrario aos novos paradigmas de transición ecolóxica e economía circular. Coidamos necesario que se estuden alternativas produtivas ligadas á reciclaxe do metal máis acordes a un modelo de industrial sustentable e xerador de postos de traballo”, remarca.

Nese sentido, ve “paradoxal” que “mentres en Lugo e en Galicia cargamos cos custes ambientais e sociais da produción do aluminio, noutros lugares do Estado estean a promover plantas de reciclaxe do metal”.

APELA A DIVERSIFICAR A ECONOMÍA DA BISBARRA

“Ademais de pular por atraer as industrias de transformación do sector, a Xunta de Galicia e o Estado deberan planificar incentivos e programas de desenvolvemento doutras actividades económicas con grandes potencialidades na comarca e alleas á industria aluminio. A agricultura ecolóxica, a transformación da madeira, a actividade pesqueira ou a turística-cultural, doutra volta castigada pola chegada de Alcoa, deben recobrar protagonismo na reconstrución dun futuro para a comarca”, propón Adega.

Deste xeito, reclama á Xunta e a “todas as institucións e forzas galegas” a “abandonar “as actuais propostas de reforzo dos sectores electrointensivos, de elevado impacto ambiental e en emisións contaminantes, para pór sobre a mesa o desenvolvemento dun novo modelo industrial e económico máis sustentable, diversificado, que deixe beneficio na sociedade e para o que poidamos esixir o financiamento do Estado e da Unión Europea”, conclúe.

Podes consultar nesta ligazón o informe completo de Adega.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...