Alcoa nega que a interrompibilidade sexa “unha axuda” ao afirmar Maroto que percibiu 800 millóns en dez anos

Tras afirmar a ministra de Industria que de concretarse o ERE requerirá o diñeiro recibido á multinacional, a compañía sostén que "non cabe devolución" polos beneficios da subasta

Feijóo, Maroto e Álvaro Dorado, director de Alcoa España, na rolda de prensa na visita da ministra a Alcoa. EFE/ELISEO TRIGO

A multinacional Alcoa emitiu un comunicado no que atribuíu a un suposto “malentendido” a cifra de 800 millóns de euros que, segundo dixo a ministra de Industria no Pleno do Senado, o Goberno central reclamaralle á empresa en concepto de devolución das axudas percibidas se segue adiante co Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado en aluminio -que suporía máis de 900 despedimentos na factoría e auxiliares- ao incumprir o compromiso de mantemento do emprego, entre outros requisitos.

O EXECUTIVO REQUERIRÁ Á EMPRESA O PERCIBIDO

A ministra de Industria, Reyes Maroto, asegurara que o Executivo central esixirá a Alcoa a devolución dos máis de 800 millóns de euros recibidos en axudas na última década, máis os intereses de demora, se non cumpre co seu compromiso de garantir o emprego na planta de San Cibrao. Na sesión plenaria no Senado, a dirixente do Executivo sinalou que se vén de requerir á multinacional esas subvencións, “que estaban condicionadas ao mantemento do emprego”.
A titular de Industria indicou que a multinacional estadounidense percibiu nos últimos dous anos 37 millóns de euros en compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2), axudas que -incluíndo o percibido en materia de servizo de interrompibilidade– nos últimos dez anos ascenden ata máis de 800 millóns de euros.
Maroto defendeu que desde “o primeiro momento” o Goberno de España demostrou “o seu compromiso por manter as capacidades produtivas e o emprego en Alcoa e no conxunto da industria no país”, con instrumentos de apoio ao sector, especialmente á electrointensiva, para manter a súa competitividade. “Mobilizáronse moitos recursos, especialmente en Galicia e sendo Alcoa a principal beneficiaria“, engadiu respecto diso.

PLAN INDUSTRIAL

Desta maneira, subliñou que o compromiso se manifesta “con feitos, non con palabras”, e puxo en valor o diálogo “permanente” mantido tanto con Alcoa como cos traballadores para atopar unha solución. Así, destacou que na última das mesas o Goberno chegou a presentar un plan industrial para a planta que “garante a súa viabilidade” durante dez anos e solicitou así a retirada do ERE. “Estamos a facer todo o posible para manter o emprego e as capacidades industriais en San Cibrao, e é o momento de estar todos unidos. Esperamos ter a todas as forzas políticas ao noso lado e esixir á empresa que manteña o seu compromiso coa Mariña, con Galicia e con España“, afirmou Maroto.

SEN CITA PARA A MESA MULTILATERAL

Os traballadores reclámanlle ao Goberno central e á Xunta de Galicia que traballen de forma conxunta para unha intervención na planta, a fin de evitar a parada das cubas de electrólise e de tutelar unha venda a algún posible comprador. Tampouco tiveron novas por agora da convocatoria dunha nova reunión da mesa multilateral, solicitada ao Executivo estatal.

A EMPRESA FALA DE “MALENTENDIDO”

“Cremos, estamos seguros, de que houbo un malentendido na interpretación do que dixo a ministra de Industria no Senado hoxe sobre que vai pedir a Alcoa a devolución de 800 millóns en axudas”, sinalou a compañía estadounidense nun comunicado. A este respecto, explicou que recibiu subvencións “nos mesmos termos e condicións que outras industrias”. Basicamente, expuxo a compañía, “estas axudas estaban vinculadas a proxectos ambientais ou de innovación e, nos últimos anos, a Comisión Europea aprobou a compensación de custos indirectos de CO2″. Segundo a transnacional, o importe de todas as axudas acumuladas na última década é de “menos de 43 millóns de euros“.

“ALCOA CUMPRIU COS COMPROMISOS”, AFIRMA A EMPRESA

Respecto da retribución polos servizos de interrompibilidade, a xuízo de Alcoa “non son ningunha axuda”, polo que considera que “non cabe devolución algunha“.

“É unha contraprestación por un servizo que se presta ao sistema nacional de distribución de enerxía eléctrica para garantir a subministración de enerxía eléctrica ou mitigar o prezo eléctrico”, indica.

Neste sentido, sinala que o mecanismo de interrompibilidade conta cunha regulación específica e é un servizo que existe na maioría dos países europeos. “Adxudícanse en poxas organizadas polo xestor da rede eléctrica ao que Alcoa concorreu do mesmo xeito que un significativo número de empresas cualificadas grandes consumidoras de enerxía, cumprindo cos seus compromisos adquiridos referentes a estes servizos”, afirma.

NON CONCRETA CANTAS VECES TIVO QUE INTERROMPER O SUBMINISTRO

Non concreta a multinacional cantas veces, ao longo dos últimos dez anos, tivo que interromper o subministro da enerxía para cumprir coas obrigas de dito servizo; coñecer ese punto e a contía do prexuízo económico sufrido permitiría coñecer canto gañou Alcoa nese período polo servizo de interrompibilidade, o que moitos ven como unha axuda encuberta.

O PP CRITICA A “AMNESIA” DA MINISTRA DE TRABALLO, QUE LEMBRA QUE A XUNTA TEN COMPETENCIAS EN INDUSTRIA

A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, asegurou que as competencias en Galicia en materia industrial e laboral son “da Xunta e do señor (Alberto Núñez) Feijóo“, tal e como recoñece o Estatuto de Autonomía, polo que pediu ao Goberno galego “que se poña a traballar e deixe de marear a perdiz” respecto de a situación dos traballadores de Alcoa.

Foi a resposta de Díaz á pregunta no Pleno do Senado do senador polo Partido Popular José Manuel Barreiro sobre se segue mantendo a súa palabra na defensa dos postos de traballo en Alcoa. A ministra de Traballo afirmou que “o drama” para o PP é que leva 33 dos 39 anos de autonomía en Galicia e seguen sen saber “quen ten as competencias en materia industrial”.

“Como galega e ministra, faga todo o posible e máis na defensa dos traballadores de Alcoa”, espetáralle Barreiro, que reprochou a Díaz que cando non formaba parte do Goberno era moi reivindicativa neste asunto e agora “abdica das súas responsabilidades”. O Executivo central “é un órgano colexiado e por tanto si que ten competencias”, sostivo.

AEGE CALCULA QUE AS ELECTROINTENSIVAS ESPAÑOLAS PAGAN A LUZ ENTRE 17% E O 18% MÁIS CARA QUE EN EUROPA

A Asociación Española de Grandes Consumidores de Enerxía (AEGE), da que forma parte Alcoa, emitiu este martes un comunicado no que detalla o “barómetro enerxético” elaborado a día 29 de xuño, no que conclúe que malia que o prezo medio do mercado diario da electricidade foi no presente mes de 30,62 euros MWh, “un 35,1% inferior” ao desta mesma mensualidade en 2019, “foi un 16,9% superior ao de Alemaña e un 18,7% superior ao de Francia”.

O barómetro enerxético de AEFE detalla a evolución do prezo da enerxía eléctrica, amosando os prezos do mercado eléctrico spot e a prazo, tanto estatal como dos principais mercados eléctricos europeos, así como a evolución do prezo doutros segmentos relevantes na factura eléctrica final paga polos consumidores industriais, como os servizos de axuste, os pagos por capacidade e o servizo de interrompibilidade.

Táboa da AEGE. AXM

Destaca AEGE que, con respecto a maio de 2020, o prezo medio de xuño foi “un 44% superior”. A asociación prevé que o custo da electricidade sexa no global deste ano de 33,5 euros/MWh, “un 29,8% menor que o de 2019, pero un 12,3% máis caro que o mercado alemán”. As previsións para 2021 contemplan un aumento ata os 42,8 euros/MWh.

“Nestes seis meses de 2020 os prezos eléctricos de Alemaña e Francia foron inferiores aos do noso mercado, polo que o noso prezo a final de ano será superior ao dos devanditos países. Os custos regulados —peaxes e cargos do sistema— non variaron, do mesmo xeito que nos últimos anos, pero si os servizos de axuste, que se encareceron, en particular os prezos das restricións técnicas, en máis de 1,4 €/ MWh con respecto a 2019”, expón AEGE.

RECLAMAN O ESTATUTO COMPROMETIDO POLO GOBERNO E MAILA POXA

“Ademais, a industria electrointensiva española, a falta de aprobarse o seu Estatuto, non goza das compensacións das peaxes de transporte eléctrico nin da dos cargos de financiamento das renovables, existentes para Alemaña e Francia, polo que o diferencial de prezos estimados a fin de ano sitúase como mínimo en 20 euros/MWh máis caros que estes países”, argumenta a patronal.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here