InicioEconomíaSen clientes e coa porta pechada: os comercios paran para reivindicar que...

Sen clientes e coa porta pechada: os comercios paran para reivindicar que A Mariña teña futuro

Os negocios apoian a folga dos obreiros de Alcoa ante a ameaza de peche da fábrica de aluminio

Publicada o

- Advertisement -

Juan Maya. A meirande parte dos comercios da Mariña Lucense hoxe non abriu. Os propietarios de decenas de establecementos decidiron empatizar cos obreiros da planta de aluminio de San Cibrao, que convocaron folga contra o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado por Alcoa. A maioría das tendas mantiveron as súas portas pechadas e exhibiron nos escaparates mensaxes de apoio aos traballadores. O mes de xullo arrancou para os negocios da bisbarra, por mor do coronavirus e do paro para apoiar a industria do aluminio, dunha maneira moi diferente á de anos anteriores.

“VIVIMOS DA FÁBRICA”, ALERTAN

A dona do salón de beleza Estética Marta, Marta Louzao Gato, ten o seu negocio en Xove pero contesta desde Santiago, onde acompañou aos traballadores de Alcoa na súa protesta ante a sé da Xunta. Pensa que o que está a acontecer “cara ao negocio está sendo nefasto. Acabamos de pasar unha pandemia brutal e hai moita incerteza. A xente da Mariña comprometeuse co comercio local e todo mundo estaba pensando en saír ordenadamente a gastar e a botarnos unha man. Pero as ganas de consumir convertéronse en medo”, remarca.

Louzao séntese preocupada pola situación actual da Mariña e polos postos de traballo que se poderían perder. “Vivimos da fábrica e a economía é circular. Coa incerteza que hai a xente non ten moitas ganas de vir a un salón de beleza. Eu teño unha empregada e a miña preocupación é por min e por ela, porque esta rapaza poda seguir vivindo do meu negocio”, explica.

CRISE INDUSTRIAL E COVID-19, UN CÓCTEL EXPLOSIVO PARA O O COMERCIO

Á incerteza sobre a fábrica únese ao brote de Covid-19, cun núcleo de contaxios no municipio. “Ao principio arrancamos forte, as citas eran individuais e era un sitio no que te sentías máis ou menos segura; agora, a xente empeza a aprazar“, expón.

“A situación económica da nosa zona depende do que aconteza coa fábrica. Hoxe na manifestación en Santiago de Compostela había moita xente con vontade de facer cousas e estar unidos. Seguro que todos pensamos distinto sobre o que había que facer coa fábrica, pero estamos todos aquí. A ver se aprenden algo os políticos de todas as cores, se se sentan e falan igual atopan unha solución para todos”, conclúe.

“NA CORENTENA TIÑAS ESPERANZA PORQUE FUNCIONABA A BASE DA ECONOMÍA, ALUMINIO”

Desde o restaurante O Almacén, de Cervo, Santiago Blas, admite que facer folga se trata dun sacrificio porque “vimos de estar parados”, pero “hai que apoiar esta loita porque a economía da Mariña é unha cadea. En Barcelona, perder 20.000 empregos da Nissan non é tan duro como aquí, onde non hai case alternativas a Alcoa; e se a xente non traballa os negocios de restauración non imos ter xente. Isto, directa ou indirectamente, aféctanos a todos”, lamenta.

No establecemento cervense notaron como se retraeu o consumo polo ERE de Alcoa. “A xente sae menos, xóganse menos quinielas, as terrazas están máis baleiras, e restaurantes de menús de Cervo e San Cibrao nótano tamén”, salienta. “Sabemos que a restauración é o primeiro do que se quita a xente se non hai diñeiro, pois non é o imprescindible”, admite. Ao tempo, “se a hostalería non tira, a pesca, por exemplo, non vai ter os pedidos de antes… Somos parte dunha cadea”, subliña.

“Cando estabamos pechados, había unha certa esperanza porque vías que se traballaba nos portos, en Alcoa, que a base principal da economía seguía funcionando. Pensabas que, cando se saíse da corentena, esa xente ía poder consumir… Pero isto é un pau”, recoñece.

O CONSUMO MINGUA POLO CORONAVIRUS, PERO TAMÉN POLO ERE

O propietario da tenda viveirense Carlos Fotógrafos, Saúl Jiménez, tamén nota o impacto dos posibles despedimentos. Relata que traballadores de Alcoa, en canto “recibiron a nova (do ERE)”, solicitaron “reducir o orzamento acordado” para “reportaxes de vodas ou comuñóns”.

Pese a todo, Jiménez amósase moderadamente optimista de cara ao futuro: “imos aguantando pouco a pouco. A partir de agosto, que xa empezan as reportaxes de comuñóns, agardo recuperar a maioría das ventas, aínda que non todas porque, por exemplo, as vodas pospuxéronse para o ano”.

Opina que “pechar hoxe supón apoiar á Mariña Lucense con todo o que está acontecendo, xa non só pola pandemia, tamén pola fábrica”.

APOIO DOS CONCELLOS

Concellos como os de Xove, Viveiro, Barreiros ou Cervo tamén apoiaron a folga, e o goberno local viveirense dispuxo un autobús para participar na manifestación de Santiago.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...