O comité de Alcoa ve a folga “histórica” e esixe de novo “unidade de acción” entre Goberno e Xunta

Este xoves retomarase o período de consultas do ERE presentado pola multinacional, que suporía máis de 900 despedimentos entre a planta de aluminio e auxiliares

Concentración dos traballadores de Alcoa en Santiago. CIG

O comité de empresa de Alcoa emitiu na tarde deste mércores un comunicado de prensa no que cualifica de “histórica” a folga desta xornada, convocada polo persoal do complexo industrial de San Cibrao e empresas auxiliares, cun “100%” de seguimento -só se realizaron servizos mínimos e as tarefas imprescindibles para evitar a parada das cubas- tanto do persoal de aluminio e alúmina coma do das contratistas, pero que foi distinta dado que “é a primeira vez en España que empresarios, autónomos e comerciantes” se suman ao paro “sen que llo pediramos”.

Os sindicatos amosaron o seu agradecemento a todos os comercios participantes na folga: “seguiremos insistindo aos traballadores na necesidade de consumir no comercio local”, afirman.

Tamén valoraron a compaña dos veciños que se sumaron ao persoal na concentración de Santiago de Compostela, fronte á sé da Xunta de Galicia. Ademais, tiveron palabras de gratitude para os gobernos locais que “apoiaron incondicionalmente a mobilización, máis en concreto aos de Cervo, Xove e Viveiro“.

FRUSTRADA A REUNIÓN CON CONDE

O comité, que “por motivos loxísticos e de seguridade” finalmente non puido reunirse, tal e como estaba previsto, co conselleiro de Industria, Francisco Conde. Solicitou cita de novo ante “a importancia que ten para nós a unidade de acción de Goberno central e Xunta de Galicia“, reiterou.

Deste xeito, lembra que o único fin das protestas “é o mantemento dos postos de traballo, do 100% da produción, e un marco enerxético estable e competitivo que obrigue ás empresas que se acollan a asinar un plan de viabilidade que garanta o futuro  da industria. A única saída como empresa de aluminio primario está nas mans do Executivo estatal co apoio da Xunta”, insistiron os traballadores.

SINDICATOS E DIRECCIÓN REUNIRANSE DE NOVO

Os obreiros reuniranse este xoves de novo coa dirección da empresa na segunda xuntanza do período formal de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado por Alcoa, que suporía máis de 900 despedimentos; 534 na planta de aluminio de San Cibrao e outros 400, estiman os sindicatos, nas auxiliares.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here