InicioEconomíaO comité pide a Alcoa que paralice o ERE ante a imposibilidade...

O comité pide a Alcoa que paralice o ERE ante a imposibilidade de mobilizarse ou reunirse en asemblea

Os sindicatos solicitan que, de negarse a multinacional, sexa "a autoridade laboral" quen free o despedimento colectivo: "é un drama non poder pelexar polos nosos postos"

Publicada o

- Advertisement -

EFE. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, asegura que é “un drama” para os traballadores do complexo industrial que “nin sequera poidan pelexar polos seus postos de traballo”, ante as restriccións impostas polas autoridades sanitarias para atallar o brote de coronavirus detectado na comarca da Mariña Lucense.

Lembrou que os traballadores de San Cibrao xa non poderán manifestarse, como tiñan previsto facelo, o vindeiro venres, día 10 de xullo, na cidade da Coruña, nin tampouco organizar protestas “nas que participen máis de dez persoas”.

Por iso, espera que, dadas as circunstancias, a propia empresa “retire de boa fe o Expediente de Regulación de Emprego (ERE)” que suscitou e que podería deixar na rúa a máis de medio milleiro de traballadores da fábrica de aluminio primario, ademais doutros 400 obreiros de auxiliares. As negociacións do ERE rematarían o 24 de xullo.

Deste xeito, rexistrouse con data de hoxe luns a solicitude de suspensión do ERE na planta de aluminio primario de Alcoa, ante a imposibilidade de poder exercer o dereito a “mobilizarnos e a reunirnos en asemblea durante todo este período”, engade no seu comunicado o comité.

En calquera caso, se a dirección de Alcoa non o fixese, o comité de empresa pide que sexa “a autoridade laboral” quen decrete a súa paralización inmediata.

A VINDEIRA REUNIÓN SERÍA O XOVES

Os próximos encontros previstos entre representantes dos traballadores e a dirección da empresa son para os días 9, 14 e 23 de xullo. Por outra banda, Zan recoñeceu que para o comité de empresa foi “moi importante” que, malia convocar manifestacións nas que participaron “máis de 20.000 persoas”, todo o traballo realizado para conseguir que os participantes cumprisen as medidas de prevención ante o coronavirus permitisen manter baixo control o coronavirus e que non se producise “ningún contaxio“.

O virus, recordou á prensa, “veu doutro lado“.

REUNIÓN ESTE MARTES CON INDUSTRIA

Tamén aclarou que os traballadores seguen “coas mesmas ganas de pelexar” polos seus empregos, pero nas condicións actuais están pensando en “como facelo dun modo distinto”.

Ademais, tamén confirmou a reunión presencial que ía manter mañá o comité co secretario de Industria do Ministerio, Raül Blanco, finalmente será telemática e acudirán “asesores de cada un dos sindicatos a nivel estatal”, precisa o comité.

En canto á reunión prevista para este luns na sé do Igape, en Santiago de Compostela, o comité confirmou que asisten á mesma, igualmente, asesores “de cada sección sindical”.

DÍAZ LEMBRA Á XUNTA QUE “TEN AS COMPETENCIAS” PARA PARALIZAR O ERE

A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, tachou este luns de “vergoñenta” a actuación do presidente da Xunta e candidato á reelección polo PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, con respecto a Alcoa San Cibrao, tralo que lle pediu “que exerza as súas competencias”.

A ministra recordou que a Xunta de Galicia “ten todas as competencias en materia industrial, de acordo co artigo 30 do Estatuto de Autonomía“, á vez que sinalou que tamén é “unha mágoa” que non sexa o seu Ministerio o que teña as competencias en materia laboral no que incumbe a San Cibrao.

“O Real Decreto 1483 do 29 de outubro de 2012 radica todas as competencias en materia de tramitación de expedientes deste tipo” -no tocante ao ERE- na Xunta de Galicia, polo que á presidencia da Xunta pídolle que exerza esas competencias”, resolveu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...