O comité de Alcoa San Cibrao convocou para este martes (22.00 horas) á veciñanza da Mariña a que, dado que as restriccións na comarca ao movemento das persoas e ás reunións de máis de dez cidadáns non convivintes non permiten as protestas, participen desde as súas ventas e balcóns dunha ‘caceirolada‘ para reclamar unha solución ante o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional, que suporía o despedimento de 534 traballadores na planta de aluminio e outros 400 obreiros en empresas auxiliares.
Este tipo de protestas, que non poñerán en risco a saúde dos veciños da Mariña Lucense, que padece un dos brotes de coronavirus máis importantes do Estado, repetiranse diariamente.
ISOTRON E OBREIROS CHEGARON A UN ACORDO PARA EVITAR O ERTE
Por outra bada, obreiros e Isotron, empresa auxiliar de Alcoa, chegaron a un acordo para evitar o Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) barallado despois de que a multinacional decretase a paralización das actividades “non esenciais” dentro do complexo industrial de San Cibrao a fin de evitar contaxios. O Xornal da Mariña publicou por erro que o Erte -que suporía a suspensión de once contratos– fora aprobado, pero finalmente un pacto entre os traballadores e a patronal evitará esta medida.