Alcoa desconvoca a reunión do xoves e móstrase agora aberta a “ampliar” o período de consultas do ERE

A multinacional comunica á Xunta que mantén as reunións previstas os días 14 e 23, e quere outras tres dentro do prazo dun mes, que baralla estender "se fose necesario"

Traballadores de Alcoa, na concentración de Lugo. AXM

Alcoa anunciou este mércores que desconvoca a reunión co comité de empresa prevista para o vindeiro xoves, dentro do período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía o despedimento de 534 traballadores na planta de aluminio e outros 400 en empresas auxiliares, e que está aberta a “estender” as negociacións “se fose necesario” e se “precisasen novas reunións”.

Despois de que o comité de empresa de Alcoa San Cibrao solicitase á multinacional parar o ERE dadas as circunstancias do peche da Mariña por mor do brote de coronavirus, que impide aos obreiros non só realizar actos de protesta senón tamén asembleas, ao prohibir as reunións de máis de dez persoas non convivintes, a compañía mantivera a súa folla de ruta ao entender que as xuntanzas do período de consultas se podían celebrar con “garantías” fose presencial ou telematicamente.

Consellería de Industria e Goberno comprometéronse a solicitar a Alcoa que parase o ERE. A multinacional ofrecerá agora á parte social “a posibilidade de estender por mutuo acordo o período de consultas, se se producisen os avances oportunos e fora necesario”. Deste xeito, sempre segundo fontes da multinacional, manteríanse as reunións dos días 14 e 23, e proporase a celebración de tres xuntanzas máis durante o prazo de 30 días naturais que establece a lexislación laboral, que remataría o 24 de xullo.

“As reunións teñen como finalidade avanzar no diálogo das consultas co fin de profundizar e chegar o mellor resultado para ambas partes”, insiste Alcoa, que admite non obstante que “calquera alongamento requeriría dun procedemento especial“, sen concretar cal é.

CONDE CARGA CONTRA O GOBERNO: “CERO COMPROMISOS”

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, cargou contra o Goberno central, que ofreceu “cero compromisosna reunión mantida o pasado martes cos sindicatos. O dirixente da Xunta de Galicia insistiu en que unha solución para a planta de aluminio “pasa polo prezo da enerxía” e que “tentar trasladar cara o futuro a cuestión do prezo eléctrico non é responsable cos traballadores”. Deste xeito criticou que o Executivo estatal “nin concreta un custo da electricidade nin unha intervención”.

Conde reclamou información sobre o estatuto das electrointensivas e tamén, de novo, sobre a poxa de interrompibilidade para o segundo semestre do ano, unha subasta descartada polo Executivo central, que alega a posibilidade dunha sanción millonaria por parte de Europa.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here