InicioEconomíaO Goberno compromete máis documentación sobre o plan industrial para Alcoa e...

O Goberno compromete máis documentación sobre o plan industrial para Alcoa e reunir a mesa

O Executivo elude a intervención a cinco días de que remate o período de consultas do ERE; sostén que enviará por escrito aos obreiros a proposta, cun socio investidor, feita á multinacional

Publicada o

- Advertisement -

O comité de Alcoa San Cibrao anunciou que o Goberno central comprometeuse a enviar aos sindicatos este martes documentación sobre o plan industrial e o socio investidor proposto á multinacional para que paralice o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado na planta de aluminio, que suporía o despedimento de 534 obreiros na factoría e outros 400 en empresas auxiliares. Tamén mañá, sempre segundo a versión dos sindicatos, o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, prometeu que convocará a mesa multilateral polo futuro da planta.

Segundo indicou ao remate da reunión, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, Blanco afirmou que o Ministerio “entregou á empresa un plan enerxético cun socio industrial que darían viabilidade á fábrica”, un proxecto que os sindicatos solicitaron por escrito.

Os traballadores instaron ao Goberno central a, con esta proposta do Executivo, convocar de novo a mesa multilateral coa presenza de Alcoa, a Xunta de Galicia e os sindicatos, para poñer “branco sobre negro” as posturas das diferentes partes implicadas, a cinco días de que remate o período de consultas do ERE.

O organismo de representación dos traballadores aseguran que a mesa multilateral é “factible e necesaria” para a problemática da planta de aluminio.

Sobre o período de consultas do ERE, Alcoa negouse a ampliar o prazo de negociacións en atención ao peche da Mariña por mor do brote de coronavirus, que dificultou os desprazamentos e as reunión dos sindicatos. “Só están abertos” a estirar o límite legal, concretou Zan, se “falamos do seu plan”, que non é outro que a parada de cubas.

“Temos claro que a solución é seguir loitando”, xulgou Zan, que afirmou que o comité solicitará á autoridade laboral, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Traballo, “que esixa” á empresa “ampliar o período de consultas”.

SOLIDARIDADE COS OBREIROS DAS AUXILIARES

Por outra banda, Zan amosou o apoio do comité de empresa aos sindicatos das auxiliares, que denunciaron a Alcoa ante Inspección de Traballo ao non permitirlles realizar as súas tarefas este luns. Nunha xornada na que comezou a folga indefinida convocada no complexo industrial, os obreiros das contratistas non entraban na protesta, polo que entenden a decisión da multinacional como un “paro patronal“, adoptado de xeito unilateral pola mesma.

“Non se pode tomar aos obreiros como reféns de toda esta situación”, afirmou Zan, “non dándolles permisos de traballo e obrigándoos a marchar para a casa”.

Os servizos mínimos da folga, renegociados nas últimas horas, foron aceptados polos traballadores.

A CIG RECLAMA A INTERVENCIÓN

Por outra banda, e sobre a mesma reunión, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, afirmou que “agora necesitamos dilixencia e actuacións contundentes por parte do Goberno español e galego”. O sindicalista considera que na mesa multilateral o Ministerio debe “oficializar as xestións realizadas dende o 23 de xuño para desenvolver a súa proposta industrial”, de xeito que todas as partes “queden retratadas nos seus posicionamentos” e avanzar na ruptura do “fatal desenlace” de parada das cubas e despedimentos que quere a empresa.

Carril lamentou que o plan industrial “segue sen materializarse e Alcoa non quere vincularse con ningún escenario formulado nesa proposta: socio inversor que acompañe á multinacional na produción de aluminio primario ou venda da fábrica. É a hora de actuar e pór en marcha os mecanismos para a intervención pública da planta porque non temos alternativa“, resalta o dirixente da CIG.

Sobre a intervención pública, dende o Ministerio “botaron balóns fóra e descargaron esta responsabilidade na Xunta de Galicia, pois entenden que o Goberno español xa está intervindo, pero noutra liña que non é a que nós demandamos”, matizou Carril. O secretario xeral da CIG insistiu “na urxencia da situación e na necesidade de “acompasar” as accións por parte das administracións e as organizacións sindicais para acadar unha saída”.

ALCOA INSISTE EN CONDICIONAR CALQUERA OPCIÓN Á PARADA DE CUBAS

Alcoa, pola súa banda, insistiu na súa postura. Asegura que os contratos bilaterais de enerxía con renovables (PPAs) propostos son unha medida “que tardaría un mínimo de dous anos en aplicarse” e que o estatuto das electrointensivas “tal e como o coñecemos non ofrece ningunha solución”. Sobre a posibilidade dunha venda, a multinacional sostén que non é unha opción “realista” dado que “causas estruturais” fan que a planta de aluminio estea “nunha situación crítica” e “non sexa rentable”. Así, insiste en que as negociacións “deben ser cos traballadores dentro do ERE” e condiciona “calquera proceso de venda” a “unha parada primeiro das cubas de electrólise, dada a magnitude das perdas acumuladas”.

Sobre a denuncia presentada polos sindicatos das auxiliares, fontes da multinacional afirman que “non consta” ningunha demanda ante Inspección de Traballo e nega que incorrese nun “paro patronal”, aínda que evitan dar máis explicacións sobre este asunto.

Respecto da reclamación dos traballadores, Alcoa condiciona tamén calquera ampliación do prazo de consultas a que “se avance significativamente” nas negociacións, é dicir, a que os sindicatos acepten a parada de cubas como primeiro punto a partir do que falar. Unha posición que descartan os representantes dos traballadores, posto que entenden que apagar a maquinaria sería condenar á planta.

REUNIÓN CO BNG

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao mantivo o pasado luns unha xuntanza con membros do BNG, entre os que estiveron presentes Olalla Rodil, deputada, Daniel Castro, deputado, Ana Ermida, responsable comarcal do BNG, e representantes municipais de Cervo e Xove.

Reunión do comité co BNG. AXM

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...