InicioEconomíaO comité esixe a intervención tras teimar Alcoa en parar as cubas...

O comité esixe a intervención tras teimar Alcoa en parar as cubas a dous días de vencer o prazo do ERE

Os sindicatos reclaman a Xunta e Goberno "mecanismos" para frear un despedimento colectivo "sen sentido"; a multinacional ampárase nas "perdas" para negarse a manter acesa a maquinaria

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa insistiu este mércores na súa postura de parar as cubas da planta de aluminio de San Cibrao, onde presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía o despedimento de 534 obreiros da fábrica e doutros 400 en empresas auxiliares. Argumenta a multinacional que apagar a maquinaria de electrólise favorecería unha venda, unha xustificación que rebate o comité de empresa, que indica que esa opción suporía “a morte” da fábrica e chama a Xunta de Galicia e Goberno central a paralizar o despedimento colectivo, cuxo período de negociacións remataría o venres.

Este mércores, representantes da dirección de empresa e dos traballadores tiveron unha nova reunión do período formal de consultas do despedimento colectivo nun restaurante en Lugo, onde os empregados recibiron o apoio do deputado de Podemos Rafa Mayoral.

A MULTINACIONAL AMPÁRASE NAS “PERDAS”

Tralo encontro, Alcoa dixo “non estar pechada a unha venda”, pero incide en que “se hibernen as cubas de electrólise para parar as perdas da planta”: unha postura xa avanzada por carta hai uns días polo presidente da compañía en España, Álvaro Dorado. A multinacional aduce que as perdas ascenden a máis dun millón de euros á semana, polo que as cubas “teñen que parar canto antes”.

A compañía sostén que o proceso de venda “require un tempo para a súa execución e o seu éxito é incerto”. “Por iso, antes de iniciar calquera proceso de transacción, é necesario parar de maneira ordenada as cubas, porque urxe frear estas perdas”, reitera. Respecto ao proxecto industrial do Goberno central, afirma non ter “ningunha concreción“.

O Executivo central comprometera aos obreiros “máis documentación” sobre o plan industrial para facer viable a planta e tamén unha data para reunir ás catro partes implicadas no conflito -Goberno estatal, Xunta, Alcoa e sindicatos-, pero o comité de empresa non tivo por agora ningunha comunicación ao respecto. Multinacional e representantes do persoal renuniranse de novo o vindeiro xoves.

“APAGAR A MAQUINARIA SERÍA A MORTE DA PLANTA”, AFIRMAN OS SINDICATOS

En declaracións aos medios tras a reunión, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, sinalou que os traballadores expuxeron alternativas, pero “Alcoa non quere entrar a traballar nin explorar ningunha delas”, só “falar da parada das cubas”, unha medida que “é totalmente errónea” e “ten un custo superior a buscar unha solución“.

“A solución non se busca pondo máis que pegas ou dicindo que só queren falar do paro das cubas, que ao final é a morte da planta de aluminio”, deixa claro.

E é que Zan urxe a Goberno e Xunta a que “se poñan a desenvolver mecanismos” para evitar o despedimento de 534 empregados, que se fará efectivo esta semana. Empraza a “salvar” a fábrica cunha venda ou unha intervención total ou parcial.

Entre eses mecanismos lembra que a ministra de Industria, Reyes Maroto, xa se referiu a que Alcoa terá que devolver 38 millóns en compensacións por emisións indirectas de CO2 se pecha, de maneira que cre que por aí se pode forzar unha venda.

O COMITÉ REBATE O ARGUMENTO ECONÓMICO DE ALCOA

“Ante esta situación que está a pór Alcoa encima da mesa, só queda que as dúas Administracións fagan os seus traballo e paralicen este ERE, que non ten sentido“, clama o presidente do comité de empresa.

Lamenta que “Alcoa só pon unha alternativa que é o peche”, pero “non pode ser que unha multinacional teña de xeonllos a dous Gobernos”.

Respecto do argumento económico de Alcoa, “carece de sentido”, afirma Zan, porque “hoxe demostramos que, se contamos desde que se iniciou o período informal, co que subiu o prezo de aluminio, (a multinacional) gañaría 30 millóns de euros“.

O ALCALDE DE CERVO RECLAMA QUE O GOBERNO “FAGA ALGO”

Pola súa banda, o alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, apelou ao Goberno central a que “faga algo”: “Ou que aprobe o estatuto das electrointensivas ou que interveña a planta”.

O rexedor cervense advirte de que son momentos “agónicos” para a comarca da Mariña ante a ameaza de peche, mentres o tempo para reverter a situación “esgótase“.

Villares subliña que “para poder seguir a producir aluminio na Mariña, como levamos facendo os últimos 40 anos, necesitamos ese prezo da enerxía competitivo que garante o estatuto consensuado entre o Comité de Empresa, e as comunidades de Galicia, Asturias e Cantabria; un documento do que a día de hoxe non sabemos nada”, lamenta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...