A pescada do pincho e o bonito de Burela “fan” o Camiño por sete comunidades da man de Paradores

Ao longo das próximas dez semanas, establecementos da rede ofrecerán receitas especiais cos dous produtos estrela do porto burelao

Presentación da campaña Orixe e Destino Galicia. AXM

A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e Paradores presentaron este mércores no Parador de Santiago de Compostela Hostal dos Reis Católicos a súa nova campaña de promoción “Orixe & Destino Galicia”.

Trátase dunha nova edición ampliada da campaña que OPP Lugo realizou o pasado ano en colaboración coa rede de Paradores de Turismo de España e segue gardando unha vinculación moi especial coas diferentes rutas do Camiño de Santiago, combinando a gastronomía e a calidade do produto pesqueiro mariñao.

Nesta ocasión o protagonismo da campaña será para dúas das principais especies da lonxa de Armadores de Burela, S. A. (Absa), que tamén colabora nesta iniciativa: a pescada do pincho e o bonito do norte. A iniciativa celebrarase durante as dez próximas semanas nos restaurantes de dez paradores, que ofrecerán diferentes receitas especiais elaboradas polos seus xefes de cociña.

“ORIXE E DESTINO GALICIA”

Esta promoción denomínase “Orixe e Destino Galicia” porque a pescada e o bonito saen de Burela e volven a Galicia seguindo o Camiño de Santiago a través dos restaurantes de paradores que están ubicados en diferentes rutas xacobeas: o Camiño Mozárabe, a Vía da Prata, o Camiño de Madrid, o Camiño Norte, o Camiño Francés e o Camiño de Fisterra. Os paradores participantes este ano pertencen a sete comunidades autónomas diferentes: Parador de Granada (Andalucía); Parador de Mérida (Extremadura); Parador de Olite (Navarra); Paradores de La Granja e de Villafranca del Bierzo (Castela e León); Parador de Santillana del Mar (Cantabria); Parador de Cangas de Onís (Asturias); e Paradores Costa da Morte e Santiago de Compostela (Galicia), que este ano abre e pecha a campaña con sendas xornadas do bonito e da pescada.

A “Ruta Xacobea do Bonito de Burela” comeza este fin de semana no Parador de Santiago de Compostela e continúa os seguintes tres fins de semana en Olite, Santillana do Mar e Villafranca do Bierzo. A “Ruta Xacobea da Pescada do Pincho de Burela” comezará o 20 de agosto en Granada para seguir visitando Mérida, Segovia, Cangas de Onís e Muxía, para pechar o círculo de novo en Santiago de Compostela.

BURELA, CAPITAL PESQUEIRA

No acto participaron Sergio López, xerente de OPP Lugo; Santiago Carrera, director
do Parador de Santiago; e Rosa Quintana, Conselleira do Mar da Xunta de Galicia. Ademais da OPP Lugo, coa presenza do seu presidente Juan José Otero, no acto tamén estiveron Abelardo Basanta e Miguel Neira, presidente e xerente de Armadores de Burela, que tamén colabora na campaña, e Mercedes Rodríguez, Directora Xeral de Pesca da Xunta de Galicia.

López, sinalou a importancia de Burela como “capital nacional” da pesca da pescada do pincho e como “capital galega” da pesca do bonito do Norte; exemplo ademais de “máxima selectividade na pesca artesá“, xa que son dúas especies que se pescan individualmente con anzol.

“XOIAS GASTRONÓMICAS” E “ALIMENTOS IDEAIS”

Tamén destacou á pescada do pincho e o bonito do norte como produtos pesqueiros de primeira calidade, peixes branco e azul como bo exemplo da súa variedade e riqueza tanto na cociña clásica como máis elaborada. Dúas auténticas “xoias da gastronomía” que ademais representan un “alimento ideal” para dietas equilibradas e un estilo de vida saudable.

Carrera, pola súa banda, explicou a importancia dos produtos gastronómicos na rede de Paradores, “que aposta por unha cociña de proximidade quilómetro cero, tradicional e de primeira calidade, tres requisitos que cumpren o bonito e a pescada do pincho
de Burela”.

Finalmente, Quintana destacou a importancia da frota de Burela, reflexada aquí en dúas das súas especies máis representativas, e celebrou este tipo de iniciativas que axudan
a fomentar o consumo de peixe e que a Xunta de Galicia financia a través das axudas FEMP, e que ademais neste caso vincúlase ás diferentes rutas do Camiño de Santiago.

SHOWCOOKING E DEGUSTACIÓN

Trala presentación ofreceuse un showcooking no que se cociñaron en vivo as receitas de “Bonito de Burela en escabeche” e “Pescada do Pincho de Burela con vinagreta de tomate negro de Santiago”. Esta acción enmárcase dentro das accións de promoción de OPP Lugo incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here