Alcoa insiste malia a ampliación das consultas do ERE en condicionar unha venda á parada de cubas

A multinacional xustifica de novo en "perdas dun millón por semana" a "urxencia" de apagar a maquinaria de electrólise, o que para os sindicatos sería "a morte" da planta de aluminio

Álvaro Dorado, director de Alcoa España, á esquerda de Feijóo na visita da ministra Reyes Maroto na planta de San Cibrao antes da pandemia. AXM

Alcoa ofreceu a través dun comunicado de prensa a súa versión do acordo aprobado este xoves co comité de empresa, a fin de ampliar ata o 4 de agosto o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado na planta de aluminio de San Cibrao, e que suporía 534 despedimentos na factoría e outros 400 en auxiliares. A multinacional insiste en que está “aberta” a estudar “alternativas” ao despedimento colectivo, incluído “un proceso de venda“, pero “a condición” de parar as cubas de electrólise.

A compañía asegura que o acordo pretende “dar máis tempo” para avaliar as mencionadas alternativas con respecto a unha situación, a da planta de aluminio, que cualifica de “crítica”. Ambas partes acordaron celebrar outras catro reunións os días 28 e 30 de xullo e 3 e 4 de agosto.

Deste xeito, Alcoa insiste na “urxencia” de “chegar a un acordo” -é dicir, de que os obreiros acepten a parada de cubas- para “frear as crecentes perdas“, que cifra “en máis dun millón de euros á semana“.

“A planta de aluminio non é viable debido a factores permanentes, como o marco enerxético non competitivo, o exceso de capacidade de produción de aluminio global e o prezo do aluminio deprimido debido ás condicións do mercado mundial”, argumenta Alcoa. Os obreiros rebatéronlle nas últimas reunións que o custo do metal, que se marca no London Metal Exchange, foi cara arriba desde que a compañía tramitou o ERE.

VE UNHA VENDA MÁIS FACTIBLE COAS CUBAS PARADAS, O QUE REBATEN OS TRABALLADORES

A multinacional sostén que está “aberta” a un “proceso de venda”, pero sostén que o proceso “require tempo” e o seu éxito “é incerto“, de modo que condiciona calquera solución ao ERE “á hibernación ordenada das cubas”.

“Alcoa está perdendo máis dun millón de euros á semana coa planta de aluminio e necesita con urxencia deter estas perdas. Se as cubas se paran de xeito ordenado, o custo de reiniciar as series de electrólise sería considerablemente menor que as perdas sufridas pola planta nun ano”, teima a multinacional. Unha versión cuestionada polos sindicatos, que ven na parada da maquinaria a “morte” da planta de aluminio.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here