InicioEconomíaO comité de Alcoa rexeita valorar a parada de cubas e reitera...

O comité de Alcoa rexeita valorar a parada de cubas e reitera que a solución pasa pola mesa multilateral

Os traballadores ultiman un contrainforme para rebater nas vindeiras reunións do período de consultas do ERE os argumentos expostos pola multinacional

Publicada o

- Advertisement -

O comité de Alcoa San Cibrao agarda rebater cun contrainforme a posición da multinacional nas reunións que ambas partes terán dentro da ampliación do período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) pactada este xoves. As negociacións do despedimento colectivo, que afectaría a máis de 900 obreiros entre a factoría de aluminio e as empresas auxiliares, prolongaranse alomenos ata o 4 de agosto.

Os delegados sindicais informaron ao persoal do resultado da reunión nunha asemblea celebrada ante o complexo industrial pasadas as sete e media da tarde, recén chegados de Lugo e ante centos de obreiros. Os sindicalistas insistiron en que o comité non está aberto a negociar unha parada de cubas nin tampouco despedimentos, senón que solicitaron a prórroga para “presentar alternativas” á multinacional e rebater os seus argumentos, cun documento ao que se engadirá un dossier presentado pola representación sindical en Alcoa a nivel europeo.

O comité de empresa segue á espera de que o Goberno central envíe por escrito, como prometeu, o plan industrial proposto para dar viabilidade á planta de aluminio, así como pola convocatoria da mesa multilateral, na que participan compañía, sindicatos, Xunta de Galicia e Executivo estatal, e que os traballadores consideran chave para a resolución do conflito laboral, pois unha negociación bilateral con Alcoa reduce as súas opcións de acadar os obxectivos, primeiro que non se paren as cubas e finalmente que se manteñan ao 100% a produción e o emprego.

ALCOA INSISTE EN CONDICIONAR CALQUERA OPCIÓN A APAGAR A MAQUINARIA

Xustamente a parada de cubas é o principal punto de conflito, dado que Alcoa négase a valorar unha venda sen apagar a maquinaria de electrólise, tal e como insistiu na tarde deste xoves. Alega a multinacional que ten “urxencia” de clausurar a planta por “perdas” que cifra “en máis dun millón de euros semanais”.

Alcoa e sindicatos negociarán mañá de novo os servizos mínimos da folga indefinida iniciada o pasado luns, e que os traballadores manterán en principio dado que lles dá a posibilidade de adoptar medidas de presión de maior ou menor intensidade en función do resultado das negociacións.

NÉSTOR REGO (BNG) PARTICIPOU NA ASEMBLEA

Despois de que o deputado de Unidas Podemos Rafa Mayoral pasase onte a noite cos traballadores en San Cibrao, os obreiros recibiron de novo apoio doutro representante político no Congreso, neste caso de Néstor Rego, do BNG, que participou activamente na asemblea dos traballadores.

PSdeG E PPdeG POLEMIZAN

PSdeG-PSOE e PPdeG polemizaron, a través de senllos comunicados de prensa, sobre o papel das Administracións. Os socialistas aseguraron que “sería intolerable que a Xunta de Galicia siga un día máis sen apoiar a venda da empresa e dea ás costas aos intereses dos traballadores”. Así, a responsable do partido socialista na provincia de Lugo, Patricia Otero, afirmou que “chegou o momento de arrimar o ombreiro, deixar atrás os intereses partidistas e sumar esforzos co Goberno e os obreiros. A solución esta enriba da mesa coa confirmación de que existe un inversor con solvencia. Sería unha irresponsabilidade desperdiciala”, resumiu.

Mentres, os conservadores instaron ao Ministerio de Industria a desenvolver o plan industrial anunciado, así como a concretar “os detalles e o calendario previsto para a entrada en vigor do estatuto para os consumidores electrointensivos“. Finalmente, a Xunta reclamou de novo a convocatoria da poxa de interrompibilidade, rexeitada polo Goberno ante unha posible sanción de Bruxelas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...