Piden 12 e 15 meses para obreiros da antiga Alcoa A Coruña por incidentes na protesta ante o Congreso

Un dos encausados é o presidente do comité, Juan Carlos López Corbacho, e outro un obreiro que fora detido e ao que a Fiscalía acusa de atentado á autoridade

Altercados entre a Policía e os traballadores. AXM

EFE. A Fiscalía de Madrid pide doce meses de prisión para o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica A Coruña -a antiga planta de Alcoa-, Juan Carlos López Corbacho, e quince para outro empregado da factoría polos altercados ocorridos nunha mobilización o 28 de marzo de 2019 ante o Congreso dos Deputados, unha protesta á que se desprazaran obreiros de San Cibrao.

Segundo o auto, ao que tivo acceso Efe, a Fiscalía interesa a apertura do xuízo oral ante o Xulgado do Penal do procedemento aberto polo Xulgado de Instrución número 25 de Madrid.

Así, o Ministerio Público solicita doce meses de prisión para o presidente do comité por un presunto delito de desobediencia grave e resistencia á autoridade, e quince meses para o outro traballador por un suposto delito de atentado á autoridade.

Por estes feitos tamén foran investigados xudicialmente nun primeiro momento a agora ministra de Traballo, Yolanda Díaz; os deputados de Unidas Podemos, Antón Gómez-Reino e Rafa Mayoral; e a entón deputada Ángela Rodríguez.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here