Liberty House ábrese a mercar por separado aluminio e ve a compra posible en “seis semanas”

Mañá acaban as consultas do ERE, con sindicatos e Administracións aliñados co posible comprador; Alcoa rexeita ampliar o prazo e plantexa un Erte para acadar a parada de cubas

Instalacións de Alcoa en San Cibrao. EFE/Eliseo Trigo

Liberty House/GFG Alliance, o grupo empresarial interesado en mercar as plantas de alúmina e aluminio de San Cibrao, enviou o pasado 29 de xullo unha nova carta a Alcoa -a primeira foi o pasado día 24- na que amplía información sobre o seu proxecto para o complexo industrial de Cervo, como adiantou El Confidencial.

Fronte a intención de Alcoa de parar as cubas de electrólise, que argumenta en base ás “perdas” que sofre, e para o que ofreceu aos sindicatos a sinatura dun Expediente de Regulación de Emprego (Erte) por dous anos, a multinacional británica quere mercar a planta de aluminio coas cubas operativas e en principio non habería interese en adquirir a factoría unha vez se apague a maquinaria. Na misiva, o posible comprador detalla que está interesado en todo o complexo industrial, pois “calquera separación dos dous activos agregarán risco ao futuro para ambos”, pero expón que non tería problema en acometer a operación de compra por separado; primeiro a factoría de aluminio, despois a de alúmina.

No relativo aos prazos, e segundo a misiva, o posible comprador considera que podería estudar a operación para acadar un principio de acordo “en dúas semanas” a fin de pechar a compra nun prazo “de seis semanas“.

Aínda que GFG Alliance/Liberty House non contradí na carta a cantidade exposta por Alcoa para un posible rearrancado das cubas -“uns 40 millóns“-, segundo confirman os sindicatos porque a propietaria non lle ofreceu información da planta, asegura que co apagado da maquinaria “sería infinitamente máis difícil reiniciar unha planta industrial pesada, especialmente en condicións de mercado complicadas”, polo que dá a entender que o proceso sería máis custoso.

A SÚA PROPOSTA PARA A ENERXÍA; O ESTATUTO PRIMEIRO, AS RENOVABLES DESPOIS

No tocante á enerxía, GFG Alliance asegura na misiva enviada a Alcoa que o proxecto pasa por chegar a acordos co Goberno do Estado a curto prazo “dentro do marco da Unión Europea“, é dicir, que o Estado aprobe o antes posible un estatuto do consumidor electrointensivo que poida supoñer unha rebaixa do prezo da electricidade.

A medio prazo, aparecen no horizonte as renovables, coa premisa de “traballar con Simec Energy, que ten unha ampla carteira de activos de desenvolvemento e xeración de enerxía para proporcionar enerxía verde para as súas irmás Alvance e Liberty Steel“. É dicir, Liberty House expón a instalación dunha planta de coxeración eléctrica para fornecer enerxía propia á fábrica, cuxa tarifa da luz supón -de acordo cos datos de Alcoa- “o 40% dos gastos de produción”; posteriormente, unha segunda fase con enerxía fotovoltaica e hidróxeno.

Segundo os propios sindicatos, que se reuniron este luns coa multinacional, e polo exposto na carta, Liberty House tería un interese produtivo e non especulativo, non como o fondo que adquiriu de Alcoa as antigas plantas da Coruña e AvilésParter, que finalmente revendería as instalacións a Capital Riesgo. As factorías avilesina e coruñesa son un espello no que os traballadores non queren mirarse, pois o seu futuro industrial está en entredito.

Malia que a propietaria verteu dúbidas sobre o investidor nunha misiva dirixida á Xunta, na que advirte de “unha práctica habitual de Liberty House/GFG Alliance é adquirir activos con dificultades e na maior parte dos mesmos recibir un importe, é dicir, cobrar do vendedor”, semella que se trata dun grupo empresarial en expansión no sector de aluminio, despois de comprar no 2018 as instalacións meirandes de Europa, ubicadas en Dunquerque.

AUXILIARES

Finalmente, a compañía británica non expuxo na xuntanza un proxecto concreto para as empresas auxiliares, dado que carece de información procedente de Alcoa e resúltalle complicado facer unha estimación dos traballadores que precisa. Cabe salientar que o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado en aluminio pola titular das instalacións non só suporía 534 despedimentos na planta, senón outros 400 nas contratistas.

OS TRABALLADORES ACUDIRÁN A LUGO PARA ESTAR COS SEUS COMPAÑEIROS NA NEGOCIACIÓN

Xunta e sindicatos deron este luns por boa a exposición de GFG Alliance, que nas últimas semanas traballou da man do Goberno central. As catro partes parecen aliñadas para procurar unha solución, pero polo de agora o reloxo do ERE segue a correr. Os sindicatos rexeitan en principio a proposta de Erte formulada por Alcoa. Mañá martes remata o prazo do período de consultas do despedimento colectivo. A dirección da multinacional reunirase cos representantes dos traballadores en Lugo, como é habitual, a onde acudirán ducias de empregados para apoiar aos seus compañeiros a fin de conseguir máis tempo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here