InicioEconomía"A do Erte máis ca unha proposta é unha ameaza", afirma o...

“A do Erte máis ca unha proposta é unha ameaza”, afirma o comité, que prevé unha reunión “longa” con Alcoa

Sindicatos e empresa reúnense hoxe no último día de prazo do período de consultas do ERE; os obreiros esperan que a multinacional "faga caso da autoridade laboral" e suspenda o proceso

Publicada o

EFE. A dirección de Alcoa España e o comité de empresa do complexo industrial de San Cibrao iniciaron este martes unha nova reunión para negociar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado na fábrica de aluminio, a última antes do prazo previsto para executar o despedimento colectivo que finaliza precisamente este 4 de agosto.
Aínda así, o presidente do comité, José Antonio Zan, manifestou en declaracións á prensa alí congregada non saber “se é a última ou non”. “Esperamos que fagan caso á autoridade laboral e suspendan o proceso ao haber un comprador en firme que achega unha solución para evitar tanto o peche das instalacións como un despedimento colectivo, sexa en directo ou en diferido”, indicou.

LIBERTY HOUSE “SABE O QUE QUERE FACER” CON SAN CIBRAO

Con respecto ao posible comprador, a compañía británica Liberty House Group/GFG Alliance, Zan sinalou que o encontro do pasado luns en Santiago de Compostela “foi bastante ben”. “Teñen un plan e saben o que queren facer coa nosa fábrica“, recalcou Zan.
Desde o comité de empresa cualifican como positivo o feito de que a nova empresa pense en producir a súa propia enerxía para poder funcionar, a través dunha primeira fase con planta de coxeración e unha segunda fase con enerxía fotovoltaica e hidróxeno, ademais de “investir na fundición” para facer máis competitiva a factoría.
De todos os xeitos, Zan advertiu que “para poder facer unha planta de emisións cero en carbono en 2030 necesitamos o apoio das institucións”.

OS SINDICATOS INSTAN A ALCOA A DEIXAR DE TEIMAR NA PARADA DE CUBAS

Tamén pediu á dirección de Alcoa que permita aos traballadores “seguir funcionando” e que “non siga teimuda en aplicar este peche das cubas electrolíticas que ao final provocaría a morte”. “Alcoa está pechada en banda: o primeiro é parar as cubas, e o resto podémolo pintar como queiramos”, criticou Zan. “Liberty quere producir aluminio e, se se para a electrólise, o rearranque sería moi difícil”, engadiu o presidente do comité de empresa.
Con respecto á proposta de Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) que avanzou a dirección de Alcoa nas últimas horas, o comité sinalou que “é moi parecido ao da Coruña e Avilés pero sen liquidacións”, e que se tería que levar a cabo “á conta dos traballadores e do seu paro”.
Esta proposición, que significaría unha suspensión de contratos ata o 31 de xullo de 2022 na planta de aluminio, terá que ser “estudada e analizada” polo comité de empresa. Con todo, Zan afeou que a dirección de Alcoa fixese saber a “primeira proposta deste tipo” presumiblemente “a un día do final das negociacións”.
“Máis que unha proposta é unha ameaza, e a propia Xunta de Galicia está de acordo”, apuntou Zan. Con todos estes condicionantes, desde o comité de Alcoa San Cibrao esperan unha “reunión longa” na que esperan que a dirección da empresa “faga caso á autoridade laboral”. Aínda así, Zan lamentou que en Alcoa sexan “expertos en estirar a corda ao máximo, e ás veces rompe”.

RECLAMAN AO GOBERNO QUE CONVOQUE A MESA MULTILATERAL

O presidente do comité de empresa tamén quixo facer un chamamento ao Goberno central, que, segundo Zan, “non contesta á nosa solicitude dunha nova mesa multilateral para poder solucionar este problema”.

MÁIS DE 900 EMPREGOS NO ARAMIO

O complexo industrial de San Cibrao, asentado entre os municipios mariñaos de Xove e Cervo, está composto por unha fábrica de aluminio e unha planta de alúmina, que empregan a 633 e 510 persoas, respectivamente, e o seu peso na economía local é de tal envergadura que representa un terzo do produto interior bruto da provincia de Lugo. O despedimento colectivo que pretende Alcoa afectaría a 534 traballadores e a outros 400 das empresas que compoñen a industria auxiliar.
Despois de anos de tiras e afrouxas, xeralmente provocados polo prezo da enerxía, que no caso das industrias electrointensivas representa unha porcentaxe moi elevada dos gastos de explotación, Alcoa comunicáballe o pasado 28 de maio ao comité de empresa da fábrica o “inicio dun período de consultas” para o “proceso de despedimento colectivo”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...