O xoves retomaranse as consultas do ERE; cita con Alcoa, sindicatos, Administracións e Liberty esta tarde

Os obreiros solicitaron un receso dun día para avaliar a acta de desacordo presentada pola propietaria; o Executivo convoca de urxencia a todas as partes

Traballadores de Alcoa, apoiando aos seus compañeiros. EFE/ELISEO TRIGO

O período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que sindicatos e Alcoa negociaron ao longo do último mes, e no que tampouco houbo acordo na mañá deste mércores, retomarase mañá de novo en Lugo, mentres que o Goberno central convocou esta tarde -ás 20.30 horas- ás partes implicadas no proceso: o propio Executivo estatal, Xunta de Galicia, a propietaria, a representación sindical -acudirán membros de CIG, CC OO e UGT– e o potencial comprador da planta de aluminio, Liberty House/GFG Alliance. O encontro será telemático e celebrarase ás 20.30 horas.

Na reunión do período de consultas do ERE celebrada entre onte e hoxe, con máis de 30 horas de duración, non houbo acordo. Despois de que Alcoa presentase unha acta de desacordo ao comité, de 39 páxinas, os sindicatos solicitaron un aprazamento da súa revisión e sinatura ao non estar en condicións para avaliar o documento, despois de máis dun día sen poder descansar.

A acta de desacordo é fundamental para unha posible impugnación do ERE, opción que os sindicatos manexan como alternativa se Alcoa continúa instalada na negativa a abordar unha venda coas cubas operativas. O documento non foi polo momento rubricado, polo que o escenario segue aberto incluso a outras propostas, aínda que de non haber acordo o xoves a empresa estaría capacitada para comezar a executar os despedimentos, de acordo coa lexislación laboral vixente.

O RESULTADO DA MESA MULTILATERAL, CHAVE

Así, os sindicatos penden do resultado da mesa multilateral para conseguir evitar a parada de cubas, liña marcada polo comité de empresa, que entende que o apagado da maquinaria suporía “a morte” da fábrica. Alcoa rexeitou suspender o proceso durante seis semanas para avaliar unha posible venda ao potencial investidor, de xeito que os obreiros apelan a Xunta de Galicia e Goberno do Estado que utilicen os mecanismos ao seu alcance para garantir un proceso de compra.

XUNTA E GOBERNO RECLAMAN A ALCOA QUE “NEGOCIE”

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta de Galicia en funcións, Alfonso Rueda, avisou este mércores de que o Goberno galego será “estrito” á hora de analizar a autorización do ERE de Alcoa e pediulle á empresa que “siga negociando” para lograr unha posible venda da planta.

O delegado do Goberno, Javier Losada, amosou dúbidas sobre a legalidade do ERE. O representante do Executivo estatal chamou a Alcoa a “deixar de ser problema e ser parte da solución, como solución foron os españois para Alcoa”.

Os obreiros solicitaron en reiteradas ocasións -a última, onte mesmo- a intervención da planta ante a insistencia de Alcoa en parar as cubas, pero por agora semella que as Administracións rexeitan esta opción e céntranse en presionar á multinacional para que cambie de postura.

“SEGUIREMOS NA LOITA; QUE TOME O RECADO QUEN TEÑA QUE RECIBILO”

Con respecto á posible compra da factoría cervense, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, indicou que estarán “esperanzados” cando exista a garantía de que se seguirá “producindo ao 100% e co 100% dos postos de traballo, tanto da principal como das subcontratas”.

“Ata ese momento son só expectativas, pois fan falta feitos e papeis asinados”, indicou.

O máximo responsable do comité sostivo á prensa alí congregada que seguen “na loita. Seguiremos ata que nos quede o último alento; que tome o recado quen teña que recibilo“, concluíu Zan.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here