Prorrogar o período de consultas seis semanas para abordar unha venda sen parar as cubas, proposta sindical

A proposta do comité contempla a celebración dunha reunión semanal, a través dunha mesa multilateral, e retomar as conversas do ERE o 21 de setembro se non hai comprador

Obreiros de Alcoa animan ao comité antes dunha xuntanza con Alcoa en Lugo. AXM

EFE. O comité de empresa de Alcoa San Cibrao retomou este xoves a negociación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de 534 traballadores da planta de aluminio -e que afectaría a outros 400 obreiros de contratistas- co obxectivo de que se prorrogue o período de consultas seis semanas e intentar, deste xeito, facilitar a venda do conxunto industrial á compañía británica Liberty House Group.

Malia que a reunión de hoxe estaba convocada “para proceder a esa firma de actas”, desde o comité aseguraron, nun comunicado, que se volverá a poñer esta proposta “encima da mesa”.

A CIG PIDE ÁS ADMINISTRACIÓNS QUE ACTÚEN “CON CONTUNDENCIA”

O secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, recorda na nota que “para dobregar a Alcoa”, na reunión de onte co Ministerio -á cal non acudiu a dirección da siderúrxica-, reclamaron tanto á Xunta como á ministra de Industria “que actúen con contundencia e con firmeza”.

“Non é de recibo que unha empresa como esta estea mantendo unha situación de tensión e de sinrazón enorme, poñendo en risco miles de postos de traballo e a continuidade dunha actividade industrial estratéxica“, engade no escrito.

Carril confía en que a multinacional “se aveña a razóns e se abra á posibilidade de prorrogar en seis semanas o proceso, substituíndo a firma das actas de desacordo pola ampliación do período de consultas”.

Este novo prazo serviría para posibilitar o inicio do proceso de venda da planta de aluminio de San Cibrao, no que participaría, en exclusiva, Liberty House Group, empresa pertencente ao conglomerado internacional Alliance GFG.

A proposta contempla a celebración dunha reunión semanal, a través dunha mesa multilateral, para manter puntualmente informados dos avances desas negociacións tanto á Comisión Representativa dos Traballadores como á Xunta de Galicia, o Ministerio de Industria e os sindicatos CIG, CCOO e UGT.

Ademais de todo isto, no texto se explicita que o proceso de venda desenvolveríase “sen parar ningunha cuba“, de modo que as instalacións poderían venderse a Liberty House Group coa planta en funcionamento.

Ademais, e tan só no suposto de “que a venda non chegase a producirse a 20 de setembro”, o día 21 do mesmo mes as partes reuniríanse para finalizar o período de consultas nos términos que se acorden.

IMPUGNACIÓN DO ERE

De non conseguir un cambio de postura da multinacional na reunión de hoxe, o secretario da CIG advertiu que se podería levar a “barbaridade” proposta pola dirección da empresa ao ámbito xudicial “para que sexa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia quen resolva a impugnación que faremos dos despedimentos”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here