InicioEconomíaAsí será o calendario de negociacións entre Alcoa e Liberty House para...

Así será o calendario de negociacións entre Alcoa e Liberty House para a venda de Aluminio

O potencial comprador propuxo a realización dunha 'due diligence', unha auditoría sobre a situación da planta ata o 11 de setembro, a partir do que debera presentar unha oferta vinculante

Publicada o

- Advertisement -

O calendario das negociacións entre Liberty House -parte do grupo GFG Alliance– prevé que as análises concretas do estado da planta de Alcoa en San Cibrao, un proceso coñecido como ‘due diligence‘, se realicen desde o 31 de agosto ao 11 de setembro, tras o que o grupo de orixe británica presentará a súa oferta vinculante.

Así o abordaron na mesa multilateral convocada este xoves Alcoa, o comité de empresa da planta de San Cibrao, os sindicatos, a Xunta de Galicia e o Goberno central, un encontro tralo cal o conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, afirmou que o Executivo galego ofreceu a súa colaboración “desde o punto de vista administrativo e de asesoramento legal e tamén para acompañar os investimentos“.

OS CONTACTOS COMEZARON O PASADO DÍA 13, CANDO SE ACORDOU A PRÓRROGA DO PERÍODO DE CONSULTAS

As dúas empresas comezaron cos contactos o pasado 13 de agosto, o mesmo día en que se asinou o acordo para ampliar seis semanas o período de negociación do expediente de regulación de emprego (ERE) para 534 empregados da factoría -o despedimento colectivo afectaría a outros 400 obreiros da industria auxiliar-, indicou o comité de empresa nun comunicado. Agora, atópanse na fase inicial de toma de contacto, na que se abordan “os termos xerais” da venda.

A continuación, nas dúas primeiras semanas de setembro, dará comezo a ‘due diligence’. O conselleiro indicou que, con esta auditoría, Liberty poderá coñecer o estado da planta, a súa “actualización e mantemento” e calcular “os investimentos que necesita para que poida ser competitiva”. Unha vez superado este proceso, o grupo presentará unha “oferta vinculante”, manifestou Conde.

Na última fase, apuntou o comité de empresa, poderíase pechar un preacordo para a venda, que estaría “a expensas” da aprobación de todos os organismos pertinentes.

Deste xeito, ata o 28 de agosto negociarase a folla de condicións da operación; ata o 11 de setembro analizaranse en detalle os aspectos da compra; e ata o 27 dese mesmo mes habería tempo para concretar o contrato da transacción.

O encontro deste xoves é o primeiro dos pactados no acordo de ampliación do período de consultas do ERE para que todas as partes fagan un seguimento do proceso de negociación entre Liberty House e Alcoa e foi convocado por esta última.

CONCESIÓNS E SERVIZOS COMPARTIDOS

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, explicou que, as dúas empresas deben negociar tamén as concesións e servizos compartidos, así como a venda de alúmina -Alcoa posúe outra planta deste material na zona, con 510 empregados-. Os representantes dos traballadores pedirán reunirse tamén con Liberty House para “ter claro” que é o que cada compañía “ve dentro do proceso e o que non”.

Pola súa banda, o conselleiro indicou que todas as partes deben dar “toda a información” ao grupo británico para que este presente a súa oferta pola planta no prazo establecido, polo que pediu “proactividade” a Alcoa para chegar a un acordo.

ENCONTRO ENTRE A XUNTA E LIBERTY HOUSE

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, participou nun encontro cos responsables do grupo Liberty House para coñecer o plan de futuro que teñen previsto desenvolver na planta de Alcoa no caso de que a operación de compra-venda da factoría se resolva de forma satisfactoria.

Conde precisou que se lle trasladou a Liberty House a disposición da Xunta a colaborar na tramitación administrativa e no asesoramento técnico para sacar adiante os proxectos definitivos que se inclúan no plan industrial. Ao respecto, engadiu que tamén se lles solicitou que esta planificación vaia acompañada dun plan financeiro e dun cronograma onde se recolla a posible entrada en funcionamento das diferentes actuacións.

Conde sinalou que, ademais, o Goberno galego se compromete a incluír estes proxectos nas propostas de Galicia ao Fondo Europeo de Recuperación.

Finalmente, a Xunta reclamou novamente ao Goberno central que estableza un prezo eléctrico competitivo que permita reducir os custos enerxéticos de factorías como a de Alcoa en San Cibrao. Un marco enerxético indispensable, dixo Conde, para que Alcoa e Liberty House poidan avanzar nas negociacións.

Así, insistiu na aprobación dun Estatuto para os consumidores electrointensivos; dun sistema de compensacións por custos indirectos de CO², se non se activa o novo mecanismo de xestión da demanda que substitúa a poxa de interrompibilidade e se non hai o compromiso firme do Goberno de avaliar que proxectos do plan industrial de Liberty House poden optar ao Fondo Europeo de Recuperación.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...