InicioEconomíaMateria prima da Mariña para o primeiro edificio público de Galicia construído...

Materia prima da Mariña para o primeiro edificio público de Galicia construído integramente en madeira

O serradoiro de Alfoz Hijos de Ramón Rubal abastecerá a construción de Impulso Verde, na cidade de Lugo

Publicada o

- Advertisement -

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, visitaron este luns, acompañados polo deputado provincial Pablo Rivera e o rexedor de Alfoz, Jorge Val, as instalacións do serradoiro Hijos de Ramón Rubal, situado en Alfoz, que será o encargado de subministrar os 430 metros cúbicos de madeira necesarios para fabricar o taboleiro que se empregará na construción do Impulso Verde. A delegación institucional mantivo un encontro cos seus xerentes para coñecer de primeira man este centro de traballo, un referente do sector forestal no norte da comunidade.

As obras do edificio, que se levantará na zona da Garaballa no marco do proxecto Life Lugo + Biodinámico, foron adxudicadas por 1,5 millóns á empresa Egoin S. A. e contan cun prazo máximo de execución de 15 meses. Esta compañía chegou a un acordo co serradoiro da Mariña para o subministro da madeira, co que o Impulso Verde será, así mesmo, o primeiro edificio público de Galicia que se constrúe na súa totalidade con madeira autóctona certificada, concretamente da bisbarra mariñá, cumprindo un dos requisitos fundamentais que establecía o prego de condicións elaborado polo executivo municipal.

A EMPRESA ALFOCEGA, CON MÁIS DE OITO DÉCADAS DE EXPERIENCIA

O serradoiro Hijos de Ramón Rubal conta con máis de 85 anos de experiencia dedicados á explotación e xestión forestal. Encargarase da curta da madeira no monte, o transporte, a primeira transformación e o envío do produto final.

Neste senso, Méndez destacou que “dende que puxemos en marcha o proxecto e, pese as dificultades iniciais, mantivemos o noso firme compromiso de apostar pola madeira do noso monte como principal elemento construtivo do edificio, pois queremos demostrar que un novo modelo construtivo máis respectuoso co medio ambiente non só é posible, senón que ademais, pode axudar a dinamizar un sector que conta cun gran peso na nosa economía como é o forestal”.

O SECTOR FORESTAL, CHAVE NA COMARCA E NA PROVINCIA

Non en van, este sector representa un 2% do Produto Interior Bruto (PIB) da comunidade galega, elevándose ata aproximadamente o 8% na provincia de Lugo. Concretamente, A Mariña é unha das comarcas que rexistra máis curtas de madeira de Galicia e tamén de España.

Ademais de dar emprego a centos de familias, trátase dun sector clave para evitar o despoboamento no rural e, por iso, dende o Concello estamos especialmente orgullosos de contribuír ao seu pulo, dándolle un valor engadido á madeira ao convertela e empregala en edificacións”, engadiu a alcaldesa.

VANTAXES DA CONSTRUCIÓN

Este modelo de construción implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54% respecto aos de nova construción. Polo que se refire ao CO2, emitirá un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) e, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións.

O Impulso Verde será a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se construirá en España desde cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias, que tamén se recollerán nun pioneiro Catálogo de Solucións Sostibles. Actualmente estase a estudar o proxecto polo que logo se rexerá o planeamento urbanístico da zona.

ALBERGARÁ SERVIZOS MUNICIPAIS E UN COWORKING

O Impulso Verde está deseñado cun sistema de estruturas laminares reticulares de eucalipto para a súa aplicación en cubertas, e un panel de madeira contralaminada de piñeiro radiata para a súa aplicación en edificación en altura.

En canto ás innovacións, será un edificio de balance enerxético case cero, é dicir, será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Cando estea construído, monitorizarase para avaliar o seu rendemento e detectar, incluso, se pode producir máis enerxía da que consome.

Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinadas ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos. De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...