InicioEconomíaMondoñedo acollerá o venres unha marcha nocturna polo futuro da fábrica de...

Mondoñedo acollerá o venres unha marcha nocturna polo futuro da fábrica de aluminio

O comité convoca un novo acto reivindicativo a menos de dúas semanas da data límite para que Alcoa e Liberty House pechen unha operación de compra-venda

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao convocou para o vindeiro venres un novo acto reivindicativo para reclamar unha solución para a planta de aluminio. Será o vindeiro venres, 18 de setembro, onde os traballadores e as súas familias, ademais daqueles veciños da Mariña Lucense que queiran sumarse, farán unha marcha desde a estación de autobuses, ás 23.00 horas, ata a Praza da Catedral de Mondoñedo, onde haberá unha concentración, con remate sobre a medianoite.

Os sindicatos pregan aos asistentes que respecten as medidas de seguridade e fagan uso da máscara. Tamén convidan a levar luces á manifestación, aínda que repartirán lanternas.

Nas últimas semanas, os traballadores percorreron enclaves turísticos de especial interese non só na Mariña, como As Catedrais, senón tamén na provincia de Lugo e na comarca de Ortegal, como a muralla da capital lucense ou os cantís de Loiba, para revindicar a continuidade da industria, dado que “non se pode vivir só do turismo”. Mondoñedo será a seguinte parada.

OS OBREIROS INSISTEN NA “MALA FE” DE ALCOA

Os traballadores reclaman unidade social e institucional para acadar que Alcoa acceda a vender a planta de aluminio a Liberty House, con quen negocia desde hai aproximadamente un mes unha posible operación de compra-venda. O persoal acusa á propietaria de “mala fe” e de “boicotear” o proceso, pois entende que ten a vontade de pechar as instalacións para deste xeito introducir o metal en España desde outras fábricas da multinacional.

O subministro da planta de alúmina é un dos puntos principais do desacordo entre Liberty House e Alcoa. A potencial compradora da fábrica de aluminio pide un acordo de fornezo de 20 anos, mentres que a titular négase a un pacto por máis de cinco e tamén a facilitar un dereito de tenteo para unha posible compra. O sindicato CC OO expuxo, sobre esta cuestión, que a compañía radicada en Pittsburgh pretende pechar a refinería en 2025.

Deste xeito, piden a Xunta de Galicia e Goberno central a creación dunha mesa tripartita, á marxe da titular da fábrica, para elaborar unha estratexia común a fin de que Alcoa acepte a operación.

O DÍA 27, DATA LÍMITE

O 27 de setembro é o último día para que Alcoa e Liberty House cheguen a un acordo de compra-venda. De non ser así, multinacional e obreiros retomarán o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional estadounidense na planta de aluminio, un despedimento colectivo que suporía, segundo a primeira proposta, a perda de 534 empregos na factoría e doutros 400 en empresas auxiliares, segundo a estimación dos sindicatos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...