Piquetes e corte do acceso na folga indefinida das auxiliares: “imos loitar polo noso traballo”

O persoal das contratistas de Alcoa denuncia co paro o seu "desamparo" no conflito laboral e presiona pola venda: "nin cubas nin empregos, temos unha responsabilidade coa Mariña"

Folga nas auxiliares de Alcoa. KIKE ROCHA

Os traballadores das empresas auxiliares da alumineira de San Cibrao, propiedade da multinacional Alcoa, iniciaron esta madrugada unha folga indefinida para reclamar o mantemento dos empregos, dependentes da continuidade da fábrica de produción de aluminio primario.

O portavoz da plataforma asociativa de traballadores de empresas auxiliares do complexo industrial de Cervo, Kike Rocha, precisou que a folga iniciada ás 06.00 horas foi convocada o pasado 21 de xullo, pero quedou en suspenso ao iniciarse a negociación para a venda da fábrica ao Liberty House, do grupo GFG Alliance.

Os traballadores decidiron reactivar a folga ao estar a piques de expirar a negociación entre ambas empresas para alcanzar un acordo pero que parece non ter solución, segundo a versión de Alcoa.

“Imos loitar polos nosos postos de traballo”, dixo Rocha, quen lamentou que os empregados das empresas auxiliares non puideron expresar a súa opinión no proceso ao non ser escoitados nin por directivos “de Alcoa, do Goberno de España nin tampouco pola Xunta de Galicia“.

Para Rocha, “non hai ningunha saída posible” a un acordo se este non prevé incluír ao medio milleiro de traballadores das empresas auxiliares.

SEN AFECTACIÓN Á ELECTRÓLISE

Sobre o desenvolvemento da folga, indicou que só están traballando aqueles operarios que cumpren os servizos mínimos e asegurou que hai “piquetes informativos” na fábrica, ademais do corte da estrada de acceso a Alcoa cunha barricada de pneumáticos, unha medida de protesta que continúa desde as sete da mañá ao peche desta información.

Segundo Rocha, o seguimento do paro é “unánime” agás daqueles compañeiros que realizan “traballos imprescindibles. Dixemos sempre que a folga non ía afectar ás cubas de electrólise, polo cal eses postos máis críticos están garantidos e o resto dos obreiros están apoiándoa ao 100%”, explica.

Por unha banda, os traballadores queren amosar “o seu desamparo” no proceso, dado que non teñen vinculación contractual con Alcoa malia realizar en moitos casos o 100% das súas tarefas no complexo industrial de aluminio. A industria auxiliar reúne a arredor de 30 firmas, das que un terzo aproximadamente ten todos os seus contratos na planta na que a propietaria presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE). Recalcan que nin a titular nin as Administracións -Xunta e Goberno central- quixeron darlles voz no conflito laboral.

“QUEDAN DÍAS DE PRAZO E A SITUACIÓN PODE REVERTIRSE”, AFIRMAN OS OBREIROS

Por outra, tentar facer presión para que Alcoa acceda a unha venda da planta de aluminio a Liberty House. Sobre o comunicado emitido pola propietaria, na que asegurou que pensar en pechar unha operación antes do domingo “non é realista“, Rocha entende que a mensaxe “amosa, agora explicitamente, que non hai gran vontade de venda” por parte da titular das instalacións.

“A situación pode ser revertible, porque quedan días, e aí seguiremos”, expón o voceiro da coordinadora. De non frutificar unha venda, o 28 de setembro Alcoa e sindicatos retomarán o período de consultas do ERE, pero manteñen a súa postura: “nin cubas nin empregos. Cremos que é unha cuestión que atinxe non só a este complexo industrial senón á comarca da Mariña Lucense e a nosa responsabilidade social debe ser loitar porque se siga producindo”, indica Rocha, que precisa que a intensidade e a duración da folga virá marcada “pola decisión que se tome en asemblea”.

Os traballadores de Alcoa continúan nos seus postos ao non poder apoiar a folga, dado que asinaron coa multinacional, no pacto para suspender o período de consultas do ERE durante seis semanas a fin de abordar unha venda, que durante este período e até a fin das negociacións respectarían a paz social no complexo industrial.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here