InicioEconomíaAlcoa cita á comisión negociadora do ERE o luns en Madrid e...

Alcoa cita á comisión negociadora do ERE o luns en Madrid e sen rematar o prazo para a venda

O comité cre que a convocatoria é "unha desvergoña" e insta ás Administracións a "apertar" para que a propietaria "acepte unha mediación"

Publicada o

- Advertisement -

Ramón González Rey/EFE. O comité de Alcoa San Cibrao expresou o seu malestar polo feito de que a multinacional convoque a última reunión de negociación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que pretende aplicar na fábrica de aluminio primario, e que podería deixar na rúa a máis de medio milleiro de traballadores, ademais de afectar aos empregos doutros 400 obreiros das empresas auxiliares, para este próximo luns -día 28 de setembro- en Madrid.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, dixo que esta convocatoria por parte de Alcoa reflicte “a desvergoña personificada“, porque “ata o día de hoxe non se celebrou ningunha reunión en Madrid”.

TODAS AS REUNIÓNS ANTERIORES FORON EN LUGO

“Agora citan á comisión negociadora para que vaia a Madrid”, engadiu, e “co problema que hai agora” na capital de España “co Covid-19. Non ten lóxica”, insistiu Zan, quen aprecia “mala fe” da compañía estadounidense “por todas partes”.

No último día do período de consultas, Alcoa alegou “temer pola seguridade” dos seus representantes tras tirar algúns traballadores ovos ás furgonetas nas que se desprazaban ao restaurante onde se desenvolveron as conversas.

REUNIÓN COS ALCALDES

Desde o seu punto de vista, “as institucións”, especialmente “o Goberno de España”, teñen que “apertar aínda máis” á multinacional americana para que acepte a súa “mediación” e acorde a venda da fábrica a GFG Alliance -Liberty House- “por todo o que recibiu e o ben que se portou este país” coa empresa, expón Zan.

O comité mantivo este xoves unha reunión con alcaldes da comarca lucense da Mariña, quen volveron expresar o seu apoio aos traballadores e á venda da fábrica, para garantir a súa viabilidade.

Trala xuntanza, Zan valorou o “moi necesario” o apoio dos Concellos “á venda” e a que Xunta de Galicia e Goberno de España “medien” no conflito laboral por “unha solución”, para que no acabe “coa morte dunha comarca”. O sindicalista requeriu tanto a Alcoa como a Liberty House “que senten cos Gobernos e acepten unha mediación”.

“Se non se acepta esta mediación, hai que intervir a empresa. Alcoa ten un deber con esta sociedade, con esta comarca e tanto con Galicia como con España. Non pode seguir facendo sufrir á Mariña Lucense”, espetou o presidente do comité.

O PRAZO ESGOTARÍASE O DOMINGO, INCLUSIVE

Ata o luns, 28 de setembro, hai prazo para unha venda da planta de aluminio, segundo o acordo ao que chegaron Alcoa e os sindicatos. A propietaria das instalacións asegurou que falar dunha posible venda “non é realista”, malia que as súas propostas ao respecto non varían desde o pasado 1 de setembro, mentres que Liberty House garda por agora silencio sobre a situación.

ALCOA DI QUE É UNHA CONVOCATORIA “PRELIMINAR”

Con todo, fontes de Alcoa precisaron que a convocatoria para o vindeiro luns 28 de setembro é unha convocatoria “preliminar“, que terá lugar sempre que non se alcance un acordo de venda antes da data límite, que é este domingo.

UNAI SORDO ESTARÁ NA ASEMBLEA DE CC OO, EN VIVEIRO

O secretario xeral de Comisións Obreiras (CC OO), Unai Sordo, participará na asemblea convocada para mañá, venres, polo sindicato para informar sobre a “situación laboral e industrial” na planta de Alcoa San Cibrao, a só dous días de que venza o prazo que se deron a multinacional americana e GFG Alliance para negociar a venda de fábrica de aluminio primario.

Ademais de Sordo, participarán o secretario xeral de CC OO-Industria, Agustín Martín; o secretario xeral de CC OO-Galicia, Ramón Sarmiento; o secretario de Política Industrial da Federación de Industria, José Manuel Casado; e o secretario da Federación de Industria de CC OO- Galicia, Víctor Ledo.

A asemblea, á que foron convocados todos os afiliados do sindicato, celebrarase entre as 17.00 e as 19.00 horas nos Xardíns de Noriega Varela, en Viveiro.

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao celebrou a principios de semana un pleno extraordinario no que ratificou a súa postura de “non aprobar outra cousa que non sexa a venda” da fábrica de aluminio primario ao GFG Alliance -Liberty House-, porque “non hai outra solución viable” que garanta o futuro da produción e dos postos de traballo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...