O Centro Comarcal de Mondoñedo prestou asesoramento e formación a 22 proxectos empresariais na terceira edición do coworking da Mariña lucense no que colaboran o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Escola de Organización Industrial (EOI).
A aceleradora impulsou iniciativas de diferentes ámbitos de actividade, desde o turismo e a hostelería ata o uso das TIC en agricultura, a seguridade, a fotografía, a conciliación familiar, laboral e persoal, a fisioterapia, o transporte ou a artesanía. Os emprendedores recibiron formación e asesoramento para desenvolver unhas propostas que agora terán que contrastar coa realidade poñendo en marcha a actividade.
Os futuros empresarios tamén obtiveron información sobre os servizos e os instrumentos financieros que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ofrece para a posta en marcha e a consolidación temperá das novas empresas.
NOVA CONVOCATORIA
Na presentación do balance desta terceira edición do programa, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, anunciou que o espazo de coworking volverá acoller unha nova remesa de proxectos en xaneiro.
O 60% dos proxectos que pasaron pola aceleradora iniciaron a súa actividade empresarial
Nas tres convocatorias da aceleradora da Mariña lucense levan participado ata o momento máis de 80 emprendedores con 65 proxectos, dos cales preto do 60% iniciaron a súa actividade empresarial.
O centro mariñao forma parte da rede coworking creada pola Conselleira de Economía, Emprego e Industria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), para favorecer o desenvolvemento de plans empresariais e a creación de emprego sobre o territorio. Durante o 2018, levaronse a cabo experiencias similares en centros doutros puntos de Galiza nas comarcas da Ribeira Sacra, Costa da Morte, Ferrolterra e Celonava-Terras da Limia.