Goberno e Xunta avisan a Alcoa de alternativas “menos amigables” para que non pare a planta

Pontón esixe por carta a intervención e o PSdeG cre que hai que reclamar á compañía "os fondos públicos recibidos"

Feijóo, Maroto e Álvaro Dorado, director de Alcoa España, na rolda de prensa na visita da ministra a Alcoa. EFE/ELISEO TRIGO

Ramón González Rey/EFE. O secretario xeral de Industria, Raül Blanco, asegurou na Radio Galega que a proposta do Goberno central de compra temporal da planta de aluminio a través da SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) “segue vixente” e instou a Alcoa a ser “responsable” e non abocar á Mariña Lucense “a un conflito laboral”.

Blanco argumentou que “hai vontade dos Gobernos, un proxecto viable, e o único que falta é que Alcoa sexa responsable social e moralmente do que está facendo”. O dirixente do Goberno central indicou que a última hora do domingo “o acordo” de venda “era posible”, pero a propietaria rompeu as negociacións “de xeito inexplicable”, dunha forma que “non responde a razóns económicas senón a unha vontade clara de peche, de ter o monopolio no aluminio primario, de clausurar en Europa e traer o metal doutros países, a unha estratexia premeditada“, expuxo.

O dirixente do Goberno central avisou a Alcoa de que se non acepta unha venda “entra unha parte da Administración dunha forma que non é a amistosa. Hoxe comeza o ámbito laboral, pero hai outras ferramentas que podemos utilizar e que están nas mans dos Gobernos. Veremos como evoluciona o conflito e se a multinacional condena á Mariña sen necesidade a un futuro peor. Hai un proxecto a vinte anos, non a dous nin a tres, e (a propietaria) négase porque ten o seu plan. Pois tomaremos as nosas decisións e veremos que sucede nos próximos días”, finalizou.

Blanco fixo estas declaracións antes da reunión da mesa multilateral polo futuro de Alcoa, instando a unha rectificación que polo momento non chegou. Na mesma liña, o delegado do Goberno, Javier Losada, amosou unha “decepción fonda” con Alcoa e asegurou que “terá que asumir as consecuencias da súa cerrazón”.

CONDE PIDE A ALCOA QUE ACEPTE UNHA PRÓRROGA DO PERÍODO DE CONSULTAS

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, pediulle a Alcoa que acepte unha ampliación do período de consultas.

Conde acusou a Alcoa de “enganar a todas as partes” e “traizoando a confianza” da Xunta, Goberno de España e traballadores. “Actúa de mala fe e modifica a súa posición para non dar viabilidade á planta e ás familias que dependen dela”, afirmou o conselleiro. “Negou todo; a posibilidade de mediación, a opción de compra temporal da fábrica por parte da SEPI. Esperamos unha reacción e un xiro porque non ten argumentos para a súa posición”, concluíu.

PONTÓN: “HAI UNHA SITUACIÓN LÍMITE QUE REQUIRE SOLUCIÓNS POLÍTICAS”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, remitiu este luns unha carta ao presidente de Goberno, Pedro Sánchez, e ao xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, para pedir que inicien de forma inmediata as negociacións para intervir Alcoa.

En rolda de prensa, Pontón subliñou que é urxente que ambos mandatarios “se poñan a traballar nunha intervención pública” da fábrica da Mariña lucense despois de que as negociacións para a venda da planta de Alcoa en San Cibrao finalizasen sen acordo.

Pese a que é evidente para a nacionalista que “Alcoa actuou de mala fe”, agora é imprescindible actuar porque “hai unha situación límite” -en alusión a unha posible parada das cubas– que require solucións políticas”. Pontón reiterou que a nacionalización é unha “alternativa legal e posible que é o que están empregando moitos países da nosa contorna. Se Alemaña e Portugal poden, por que o Estado español non vai poder”, cuestionou a líder do BNG que lamentou que o que se di ser “o Goberno máis progresista, non se atreva a dar este paso”.

CABALLERO: “O PLAN DE ALCOA É CONTRARIO AO INTERESE XERAL”

O líder do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, pediu “unha fronte común” entre Xunta e Goberno para “poñer contra as cordas” a Alcoa ante a “mala práctica comercial” e “incumprimentos” da compañía, e solicitou ao presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, que reuna ás forzas políticas galegas a prol dunha “folla de ruta” común para abordar o conflito laboral.

Os intereses da compañía son para Caballero “contrarios ao interese xeral” da industria en España, dado que se trata da única planta de produción de aluminio primario do país e o mantemento da súa actividade é necesario para garantir a competencia no sector.

O dirixente socialista non contemplou polo momento unha intervención da factoría por parte do Estado, posto que, aínda que non se pechou a estudar esta vía e o seu encaixe legal, si manifestou que é posible que esta cuestión derivase “en preitos multinacionais” que poderían desembocar en “indemnizacións terriblemente cuantiosas” para a empresa.

Para Caballero, a presión a exercer sobre Alcoa debe centrarse en esixir a reparación do impacto medioambiental da súa actividade, na esixencia de devolución dos fondos públicos recibidos se se proba que obrou “con mala fe” e no cumprimento de “todas as esixencias normativas” relativas aos postos de traballo.

O ALCALDE DE CERVO: “ESTÁ EN RISCO UNHA CATÁSTROFE ECONÓMICA”

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, non perdeu a “esperanza” no futuro da factoría de Alcoa en San Cibrao, e en que se poidan retomar as conversacións tras a ruptura das negociacións para a venda á británica Liberty.

“Prefiro seguir pensando que hai algunha esperanza a pesar desta ruptura unilateral por parte da multinacional americana de Alcoa”, afeou. “Aínda que os prazos vencesen e mentres a Xunta e o Gberno central están a facer presión a Alcoa para que siga falando desa venda ao novo que grupo que quere investir en San Cibrao”.

Villares advertiu de que está en risco unha “catástrofe económica e social para toda a Mariña”, e defendeu a que se a alternativa implica ese peche, “o Goberno debería de intervir esta empresa”, unha cuestión “que leva demandando o comité de empresa e todos os traballadores da fábrica”.

“Sobre todo pola multitude de postos de traballo que reporta e sobre todo nunha zona e nunha comarca en que non hai outra alternativa a esta empresa que é o motor económico que impulsa outros sectores da comarca da Mariña e da provincia de Lugo”, concluíu.

A CIG RECLAMA “FIRMEZA” ANTE O “TERRORISMO PATRONAL” DE ALCOA

A CIG reclamou do Goberno español e da Xunta de Galicia que manteñan “unha postura de firmeza” para evitar o plan de peche de Alcoa e “valentía” para pór en marcha “medidas viables” que impidan a parada de cubas aínda que a multinacional execute un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo ou temporal.

Así o trasladou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que denunciou o “terrorismo patronal” exercido por Alcoa “que se nega a aceptar ningunha saída alternativa”, tal e como se evidenciou esta fin de semana ao dar por rotas as negociacións con GFG Alliance / Liberty House mesmo antes de rematar o prazo previsto e ao negarse a asumir a proposta de compra temporal pola SEPI. “Resulta obvio que Alcoa nunca tivo vontade de chegar a un acordo de venda e utilizou este tempo de prórroga para prefabricar unha autoxustificación do fracaso da operación”, denunciou.

Carril, que reclamou a derrogación da reforma laboral para evitar casos similares de “extorsión de empresas multinacionais”, asegurou que a mobilización “continuará nos próximos meses no centro de traballo e nas rúas”, e pediu aos Gobernos que estean “á altura” tomando “todas as decisións políticas que sexan necesarias”. A este respecto, demandou que se poñan “en marcha de inmediato” os mecanismos para unha “intervención pública” como “solución viable e legal” para a planta de San Cibrao.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here