InicioEconomíaO comité cualifica de "incrible" a actitude de Alcoa, que di que...

O comité cualifica de “incrible” a actitude de Alcoa, que di que decidirá “en 15 días” sobre os despedimentos

O persoal celebrará unha asemblea este martes e intensificará as protestas para que Xunta e Goberno interveñan; a empresa acusa aos sindicatos de "negarse" a abordar un "plan social"

Publicada o

- Advertisement -

Traballadores da planta de aluminio primario de Alcoa en San Cibrao cualificaron de “incrible” o vivido o pasado luns, primeiro coa negativa da multinacional americana a vender a fábrica tanto a Liberty House como á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) e despois ao romperse as negociacións para un axuste do emprego, un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) sen despedimentos.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, declarou á prensa esta madrugada, tras moitas horas de reunións durante o día, que están dispostos a seguir loitando para conseguir o seu obxectivo de preservar o emprego, tendo en conta que a multinacional americana ten agora 15 días por diante para tomar unha decisión sobre un Expediente de Regulación de Emprego (ERE), un despedimento colectivo permanente que afectaría a 534 traballadores directos e a outros 400 obreiros das auxiliares, segundo a estimación dos sindicatos.

Zan contou no Pazo de Cea, en Nigrán (Pontevedra), onde se produciu o último dos encontros coa dirección, que Alcoa non quixo sequera “entrar a valorar a última advertencia da Xunta“, que pedía, dixo, paralizar todo este proceso para intentar chegar a un entendemento pola vía dunha compra temporal da SEPI.

Tamén lle afeou a Alcoa realizar unha proposta á propia SEPI na que se aviña a negociar unha compra temporal condicionada á aprobación dun ERE ou Erte “unilateralmente e cando nós non o negociamos nesta mesa”.

O “PLAN DE REORGANIZACIÓN”, A PARADA DE CUBAS

Pola súa banda, Alcoa atribuíu aos traballadores o fracaso da negociación, pois “negáronse a negociar un plan social e non foi posible un acordo”. A través dun comunicado, a empresa lembrou que “conta agora cun prazo de ata 15 días, conforme á normativa española, para tomar unha decisión en relación ao proceso de despedimento colectivo” dunha planta que ten unha capacidade de produción de 228.000 toneladas ao ano.

Alcoa, que non se pronuncia sobre a oferta realizada á SEPI e chama “plan de reorganización” á clausura da electrólise, sinala que a mencionada proposta, “destinada a frear as perdas financieiras persistentes e recorrentes da planta de aluminio –que cifra nun millón de euros á semana-, recomendaba a parada das cubas e manter en funcionamento unha parte da fundición“.

A multinacional insiste nos argumentos esgrimidos para non vender a planta nin a Liberty House, a quen atribúe “demandas non razoables” e “fóra do mercado”, como á propia SEPI, quen pedía “dereitos preferenciais sobre a refinería de alúmina”.

ESTE MARTES, CORTE DOS ACCESOS E ASEMBLEA

Así as cousas, os traballadores apelan ás Administracións, Xunta de Galicia e Goberno central, para que medien no conflito laboral e ou ben obriguen a Alcoa a sentar a negociar de novo un traspaso das instalacións ou ben fagan unha intervención pública da planta. Na mañá deste martes continuaron as protestas, esta vez co corte dos accesos ao complexo industrial, convocados por obreiros de auxiliares, e ás 13.00 horas está prevista unha asemblea na que o persoal trazará a folla de ruta a seguir.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...