InicioEconomía"Se hai meses asináramos un ERE previo á venda agora estariamos mortos;...

“Se hai meses asináramos un ERE previo á venda agora estariamos mortos; é o momento dos políticos”

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao afronta semanas decisivas para evitar a parada de cubas tralo fracaso do proceso de venda e do período de consultas do ERE

Publicada o

- Advertisement -

É unha frase recorrente nos medios de comunicación ao longo do último ano e medio, que se repetiu con frecuencia: “semana decisiva para o futuro do aluminio en San Cibrao”. Pero agora ten menos de tópico: despois de que Alcoa se negara a vender a planta, co non por resposta ás ofertas de Liberty House e da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), e de que os traballadores rexeitasen a parada de cubas no período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE), a multinacional ten 15 días para comunicar o despedimento colectivo. Terá en fronte aos obreiros, que esperan que as Administracións impidan o apagado da maquinaria, sexa pola vía que sexa. Responde o presidente do comité, José Antonio Zan.

PROTESTAS

Teñen por diante de novo o reto de evitar a parada de cubas. Polo de agora van intensificar as protestas.

Por un lado, apoiaremos a folga que teñen convocadas as empresas a auxiliares, desde o domingo haberá paro indefinido. Por outro lado, non sairá ningún camión cargado do complexo industrial, si que poderán operar aqueles que fan mantemento das instalacións. Ademais, hoxe solicitamos a Ministerio de Industria e Xunta de Galicia unha mesa tripartita, para buscar unha solución conxunta. Por agora non temos data.

A VÍA XUDICIAL

Ven clara a “mala fe” de Alcoa tanto no proceso de venda como no ERE.

Unha vez as Administracións entran a negociar unha venda por parte de Alcoa á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), é dicir, á principal empresa da Administración central industrialmente falando, cando Alcoa di que non chegou a facer unha oferta en termos razoables, o que está é atacando ao Goberno central. O que non pode ser é que (a multinacional) nin sequera lle conteste.

É moi grave todo o que pasou durante este tempo, incluída unha proposta formulada pola propietaria ao Estado dun ERE ou un Erte (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) que nós teriamos que asinar, sen consultar primeiro á representación dos traballadores. Isto díxonolo un Goberno, porque eles calaron: nin sequera sabemos se os recortes no emprego que pretendían a cambio da venda eran tamén en alúmina, porque eu fixen esa pregunta e non a contestaron.

MEDIDAS CAUTELARES

Optarán pola vía xudicial, pero chegará a tempo para evitar a parada de cubas?

Entendo que temos que pedir medidas cautelares e que non lles poden permitir que paren as cubas. Un xuez debe decidir se teñen dereito a facelo, posto que en marzo fomos declarados esenciais.

Non sabemos se eles comunicarán o despedimento colectivo hoxe, mañá ou cando o farán: o que temos é moi clara a defensa xudicial e que temos connosco ao Goberno central e a Xunta. Eles teñen que demostrar que Alcoa actuou de mala fe: na folla de termos do acordo xeral vese que eles non poden meter a terceira unha parte que non está na mesa como condicionante da sinatura dun acordo. Non poden negociar cunha Administración que eu me vaia despedido.

A Xunta enviou moitos requerimentos, moi duros, que foron desoídos por Alcoa. Temos o compromiso do secretario xeral de Industria de que as cubas non se van parar nin un minuto, así que nós confiamos niso. Os obreiros puxemos resistencia e temos as cubas acendidas a finais de setembro.

A IMPLICACIÓN DE XUNTA E GOBERNO

Reclamaron desde o principio máis implicación por parte das Administracións. Que lles piden?

Nós temos claro que temos que forzar que cumpran o que se dixo: que as cubas non se van parar, e niso imos estar ata o último segundo. Está claro que esta situación téñena que resolver os políticos: a vicepresidenta primeira do Goberno, Teresa Ribera, a man dereita de Pedro Sánchez, púxose á fronte das negociacións e tamén está o presidente da Xunta, Núñez Feijóo; non poden permitirlles que os poñan en tela de xuízo, porque é poñer en tela de xuízo a democracia. Así non ten sentido falar de país, senón dunha República bananeira. Cremos que están máis enriba: sabemos que entrou nas conversas a Avogacía do Estado, pendente das mentiras por parte de Alcoa. Non está nunha reunión para quedarse de oínte.

Unha das súas peticións foi que Transición Ecolóxica dese un paso adiante e non se puxese tralo Ministerio de Industria. Agora menta á vicepresidenta Ribera. Cando se produciu ese cambio?

Sabemos que é o Ministerio que vai xestionar os fondos, os recursos. Ribera estivo negociando o sistema enerxético de Liberty House, involucrouse na capacitación para que Alvance e Ignis poidesen ter un plan para facer aluminio verde, con 1.000 millóns de investimento. Non podemos dicir que Alcoa presentase algunha vez en 23 anos un plan para poñer unha célula fotovoltaica para esta planta. Pero agora ademais é como o can do Hortelano.

OPCIÓNS

Non é o seu traballo senón o das Administracións, pero que opcións ven para que Alcoa non aplique o despedimento colectivo? Cren que se sentará de novo a falar, pensan que só cabe a expropiación?

Se a SEPI a compra, temos o futuro asegurado. Agora, como van facer para que Alcoa a venda a SEPI, non o sabemos nin nos corresponde. O apoio noso, os Gobernos, vano ter. Tamén lles esixiremos que respondan. Son optimista: non podo crer que un Estado se vaia dobregar ante unha multinacional. Hai que ter en conta que Alcoa vale agora mesmo 2.000 millóns de dólares, é a sombra do que foi.

Reduciu ao mínimo a súa existencia. Cada vez que queren máis ganancias ou menos perdas, venden unha factoría ou fan segregacións. Teñen plantas en Australia, Noruega, Islandia, Brasil, América do Norte, pero do que eran ao que son hai un mundo. A factoría de Maaden, de Arabia Saudí, nin sequera é por enteiro deles: teñen unha participación dun 25% en aluminio e un 5% en alúmina. Unha empresa non pode vivir dunha maneira tan cínica, facendo de trader, eliminando primeiro as súas propias plantas en Europa. A UE ten que espabilar e defender a súa industria.

A ACTITUDE DE ALCOA

Cren que a actitude de Alcoa demostra que non quere seguir producindo nin aluminio nin alúmina en España?

Se ti non tes pensado pechar a planta de alúmina, por que non vas querer deixar un dereito de tenteo? Éche igual. E sería para a SEPI, quen lles vendeu a fábrica cunhas condicións vantaxosas para eles, as que eles quixeron. Se ti queres continuar coa produción de alúmina, por que buscas a confrontación cun Goberno? Pois porque eles desbotaron xa as dúas instalacións de España. Iso témolo claro. Ti non mordes á man que che dá de comer. Cando eles van contra dous Gobernos, rompeuse calquera posibilidade de que continúen aquí: iso os traballadores teñen que telo claro, e penso que o teñen claro.

Por outra parte, o trato que nos deron foi lamentable. En Nigrán había máis gardas civís, antidisturbios e Policía Local que persoas nunha quenda da fábrica. Por outra parte, é algo inentendible; funcionarios públicos defendendo a unha empresa que quere arruinar un país quitándolle a industria.

Meses atrás centraron o seu obxectivo en evitar a parada de cubas. Mantivéronse na folla de ruta e rexeitaron un Erte.

O problema de Alcoa é que o persoal está unido. Hai uns meses querían que asinaramos un ERE ou un Erte previamente á negociación da venda: agora estariamos pechados porque lles deu a gana a eles. Iso era o único que buscaban, botar a culpa aos demais. Aguantamos cando ninguén daba un peso por nós. Igual non nos podemos comparar cos mineiros, pero nos tempos modernos, é difícil atopar algo similar; é os medios de comunicación podedes ver como nas asembleas, a xente está unida. Os sindicatos estamos unidos, e para nós non hai diferenzas entre persoal do complexo e das contratas.

Daquela estivemos firmes, seis días esperando unha decisión da compañía. E creo que agora están pensando nesa decisión que queren levar a cabo, pero dubido de que a poidan efectuar.

Non loitamos só polo noso; tamén por toda A Mariña, os médicos, gardas civís, funcionarios públicos… Sen industria non se pagan eses salarios. Por iso dixemos que non aos finiquitos, porque non queriamos condenar á Mariña. Tiñamos o mandado da asemblea de non transixir coa parada de cubas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...