O comité insta a Alcoa a negociar coa SEPI a venda das dúas plantas para “unha saída digna” de España

Zan asegura que a distancia para alcanzar un acordo "non é insalvable" e cifra a diferenza entre a multinacional e a Administración "en vinte millóns de euros"

Traballadores de Alcoa, na madrugada do martes ás portas da fábrica. CEDIDA

EFE. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, considera que, logo de todo o sucedido nos últimos meses, “a mellor opción” para a multinacional norteamericana sería “negociar a venda conxunta das dúas plantas mariñanas, tanto a de aluminio primario como a refinería de alúmina.

Desde o seu punto de vista, sería “unha saída digna para Alcoa deste país”, despois “de tantos anos recibindo diñeiro público“, dixo Zan en declaracións a Efe.

Ao seu xuízo, “Alcoa non foi decente”, nin “cos traballadores” nin tampouco coas Administracións que se implicaron para evitar o peche da planta de aluminio primario e, consecuentemente, o despedimento dun milleiro de traballadores, entre operarios de persoal e empregados das empresas auxiliares.

O presidente do comité opina que a dirección de Alcoa debería “reflexionar” e volver “á mesa de negociación”, e máis cando “un organismo público”, como a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), está disposta a comprar a fábrica para darlle viabilidade no futuro.

RECLAMA A INTERVENCIÓN SE A MULTINACIONAL NON SENTA COAS ADMINISTRACIÓNS

Segundo Zan, a distancia para alcanzar un acordo non é insalvable, porque ao final estábase falando dunha diferenza “de vinte millóns de euros“, especialmente se se ten en conta que o contrario sería “perxudicial tanto para Alcoa como para os propios traballadores”, porque a multinacional tamén tería que “enfrontarse a dous Gobernos”.

Nese sentido, destacou o feito de que “dous ministerios, co apoio da Xunta de Galicia”, implicáronse na procura dunha solución para evitar o peche da planta.

“Isto non dá máis de si”, dixo Zan, quen espera que Alcoa “reflexione”, pero se non o fai, confía en que poida producirse unha “intervención pública” da fábrica, porque o Goberno de España e a Xunta deben “darlle unha saída aos traballadores”.

#Amanece en #Alcoa #SanCibrao con lxs trabajadorxs en el campamento a la entrada de la fábrica.Día de negociaciones con…

Publicada por Rebelión Aluminio en Martes, 29 de septiembre de 2020

CONTINÚA O CORTE DA SAÍDA DE ALUMINIO E HOXE NEGOCIARASE A FOLGA

Nestes momentos, non se permite por parte dos obreiros a saída de aluminio da fábrica, aínda que si a entrada de materia prima para que a factoría siga producindo e evitar a parada das cubas. O apagado da maquinaria suporía a “morte” do complexo industrial para os traballadores, que se negaron a aprobar esta medida no período de consultas do despedimento colectivo. O domingo, se nada cambia, podería comezar unha folga indefinida no complexo industrial; un paro cuxas condicións os sindicatos negociarán hoxe coa multinacional.

UGT NON ASINOU A ACTA DE DESACORDO POIS “NON RECOÑECE” O PERÍODO DE CONSULTAS

UGT-FICA-Galicia emitiu un comunicado no que aclara que non asinou a acta de finalización de desacordo porque “non recoñeceu” o período de consultas de seis semanas aberto por Alcoa e, polo tanto, tampouco a finalización do mesmo. Para o sindicato, o que fixo a multinacional foi “enganar a todos os traballadores” da factoría lucense “facéndolles crer que estaba aberta a unha posible venda pero a realidade era outra, como demostraron os feitos”.

“Alcoa nunca pensou en vender. O que sucedeu é que se viu condicionada polas
Administracións, tanto a central como a Xunta, e pola propia presión social porque
hai un comprador viable e viuse obrigada a cubrir un expediente abrindo un trámite de venda no que nunca creu e ao que non estaba disposta”, argumenta o sindicato, que entende que non asinar o documento “non significa a ruptura da unidade sindical que se vén mantendo en todo momento”.

UGT insiste en que agora tócalles á Xunta e Goberno central “intervir” ante a “mala fe” de Alcoa para “unha solución” polo futuro da fábrica da Mariña e a continuidade dos postos de traballo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here