InicioEconomíaO comité asegura que Alcoa tiña previsto o peche da planta "a...

O comité asegura que Alcoa tiña previsto o peche da planta “a finais de xullo”

Os sindicatos cren que a "improvisación" coa que a multinacional organiza os horarios e o servizo do comedor demostran que "non contaban que se chegase a hoxe coa fábrica producindo"

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informou sobre a folga indefinida que comezará ás 6.00 horas do vindeiro domingo, despois de que a multinacional e os sindicatos pactasen os servizos mínimos “por unicamente 48 horas“. Os traballadores queren presionar co paro á propietaria das instalacións para que acceda a unha venda da planta de aluminio, na que presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) e pola que rexeitousenllas ofertas tanto da siderúrxica británica Liberty House como da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

A FOLGA COMEZARÁ ÁS 6.00, COS SERVIZOS MÍNIMOS NEGOCIADOS POR 48 HORAS

O persoal ten a intención de que “non saia unha gota de aluminio” do complexo industrial, e leva días cortando os accesos ao mesmo, tanto pola entrada principal como por Lago, para que só entren camións que leven a materia prima imprescindible para que a fábrica siga producindo e para que non paren as cubas de electrólise, que funcionan de forma continua.

O comité salienta que durante a folga non haberá parada de cubas que non sexan de emerxencia, por perforación, e que só se fabricará placa de gran tamaño sen alear -material de menor valor engadido e que se utiliza para refundir, non para a venda-. A intención, polo tanto, é que Alcoa non poida beneficiarse do produto sen prexudicar en ningún momento as instalacións.

Os sindicatos informan ademais de que a empresa decidiu “unilateralmente” prolongar a xornada intensiva ata o 31 de decembro, “nos seguintes termos: desde o 5 de outubro ao 9 continuarase con horario de 8.00 a 15.00, incluído o venres. A partir da semana do día 12 o horario será de 7.30 a 15.30”.

“AÍNDA SE ESTÁ COMEZANDO A VALORAR” A ESTRATEXIA PARA EVITAR CONTAXIOS NO COMEDOR

No tocante ao comedor, abrirase “en tres fases“; cun servizo de comida para levar, en rexime presencial para a quenda entrante e de ‘take away’ para o saínte; e finalmente presencial para todo o persoal aínda que con control de aforamento.

Desde o comité sinalan que tanto a organización do comedor como do horario “están así deseñados por un único motivo; tiñan previsto o peche da planta a finais de xullo, polo que tiveron que adoptar medidas de forma apresurada e improvisada”.

“En marzo xa comunicaran que se estaban valorando as medidas necesarias para a apertura do comedor, para evitar contaxios de Covid-19; en outubro aínda se está comezando a valorar” a estratexia a aplicar, “e, evidentemente, non tiñan previsto a xornada fraccionada con apertura do comedor, xa que non contaban que se chegara á data actual coa fábrica en producción, unha demostración máis de mala fe“.

REUNIÓN COAS ADMINISTRACIÓNS O LUNS

Os sindicatos tiveron finalmente resposta á súa petición de reunirse coas Administracións, Xunta de Galicia e Goberno central, para examinar a súa postura respecto da situación actual, na que Alcoa ten pouco menos de dúas semanas para comunicar a súa decisión sobre o despedimento colectivo. O luns celebrarase unha mesa tripartita, de xeito telemático e cunha hora aínda por concretar.

DEIXARON SAÍR MATERIAL PARA A INDUSTRIA FARMACÉUTICA

Nunha excepción ao corte dos accesos no complexo industrial, os traballadores de Alcoa San Cibrao permitiron a saída dun camión que cargaba material para a industria farmacéutica e potabilizadora, un sector que entenden tan “esencial” como a propia produción de aluminio.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...