Os sindicatos inician as xestións para impugnar o ERE á espera da intervención de aluminio

As centrais, que se reunirán este martes coa autoridade laboral, recorrerán o despedimento colectivo ante o TSXG e solicitarán medidas cautelares para que Alcoa non pare as cubas

Traballadores de Alcoa impiden a saída de aluminio da planta. REBELIÓN ALUMINIO

EFE. Á espera de que o Goberno de España “mova ficha” e anuncie a intervención da única fábrica de aluminio primario que segue funcionando no país, o comité de empresa iniciou as xestións para impugnar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que pretende aplicar Alcoa ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e ten previsto pedir medidas cautelares para evitar o peche da planta.

Nesa impugnación, para evitar o despedimento de 524 traballadores e a parada das cubas de electrólise -nun proceso que Alcoa quere completar como moi tarde o 31 de marzo de 2021, e que suporía a perda doutros alomenos 400 empregos na industria auxiliar-, están traballando as asesorías xurídicas dos sindicatos desde o fracaso das negociacións e hoxe está prevista unha reunión coa autoridade laboral -a Consellería de Traballo- para coordinar as actuacións a desenvolver nos próximos días.

VINTE DÍAS DE PRAZO

Fontes sindicais explicaron á prensa que a idea é presentar a demanda xudicial canto antes, dentro do prazo de vinte días hábiles trala comunicación formal da empresa, que o pasado venres anunciou a súa intención de executar o ERE, despedir a 524 traballadores e parar as cubas.

Ademais de impugnar xudicialmente o ERE, os representantes dos traballadores teñen previsto solicitar medidas cautelares para impedir que Alcoa poida aplicar os despedimentos ou parar as cubas de electrólise antes da celebración do xuízo.

OS OBREIROS INTENSIFICARÁN AS PROTESTAS

Namentres, os traballadores seguen coa folga indefinida e controlan os dous accesos principais á fábrica para evitar a saída de aluminio do complexo industrial de Cervo.

Ademais, logo da manifestación dos alumnos de secundaria do pasado domingo, o comité prepara novas accións de protesta e anuncia que serán máis contundentes.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here