PSOE, PP e BNG apoian no Congreso unha intervención temporal de aluminio

Acordan instar ao Goberno a contemplar a medida "o máis axiña posible"; Pontón di desde Cervo que a solución non está nos xulgados, senón no Consello da Xunta e no de Ministros

Xuntanza de Ana Pontón e outros representantes do BNG co comité de Alcoa. BNG

O PSOE, o PP e o BNG, as tres forzas políticas con representación parlamentaria en Galicia, pactaron a petición da formación nacionalista no Congreso dos Deputados unha enmenda transaccional que foi aprobada para instar ao Goberno central a contemplar “o máis axiña posible” a intervención pública temporal da fábrica de Alcoa en San Cibrao, co fin de garantir a actividade e os empregos nesta planta, na que a multinacional presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía a parada das cubas de electrólise e máis de 900 despedimentos entre a factoría e a industria auxiliar.

Así o anunciou o representante no Congreso do BNG, Néstor Rego, na intervención dunha iniciativa que reclamaba adoptar medidas para a continuidade desta fábrica na Comisión de Industria, Comercio e Turismo da Cámara Baixa.

O acordo alcanzado por esta formación con PSOE e PP chama ao Goberno “a adoptar cantas medidas sexan necesarias o máis axiña posible, incluída a intervención pública temporal para a súa posterior venda a un investidor privado que garanta un proxecto industrial viable para o mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo na factoría de Alcoa en San Cibrao”.

“SO HAI UNHA VÍA PARA GARANTIR A CONTINUIDADE DA PLANTA”, ADVIRTE REGO

Na súa intervención, Rego destacou que “a negativa” da multinacional norteamericana para vender a planta a Liberty House “só deixa unha vía” para garantir a continuidade da actividade na comarca da Mariña e o mantemento da totalidade dos máis de 1.000 postos de traballo, que non é outra que “a intervención pública”.

“Ao BNG gustaríalle que esa intervención servise para nacionalizar a planta de aluminio, para retornala ao sector público, manifestou Rego, que recordou que Inespal foi unha empresa pública que nunca debeu ser privatizada” aínda que agora “o urxente” é buscar unha solución que garanta “preservar a totalidade dos postos de traballo”.

A proposta colleitou os votos a favor de todos os grupos. Ademais dos tres citados, ERC, Bildu, PNV, UP, Cs e Foro Asturias apoiaron a iniciativa e só Vox se pronunciou en contra.

REUNIÓN DO BNG E O COMITÉ DE EMPRESA

O acordo xerou expectación no propio complexo industrial, a onde se desprazou a voceira nacional do BloqueAna Pontón. A líder do partido maioritario da oposición afirmou que o futuro de Alcoa San Cibrao “non se vai decidir no xulgado“, senón no “Consello da Xunta de Galicia e no Consello de Ministros“, polo que reclamou ao Goberno central e ao Executivo autonómico que “estean á altura” do que espera deles a comarca da Mariña.

Insistiu, logo dunha reunión co comité de empresa de Alcoa San Cibrao, que o futuro da planta mariñá pasa por unha “solución política“, ou o que é o mesmo “por unha intervención pública” da fábrica que lle permita á comarca “respirar“.

Dixo que estamos “no límite”, porque está claro que “Alcoa pretende pechar a fábrica” e eliminar así a un posible competidor no mercado do aluminio, pero ese “non é o interese” de Galicia.

Por iso, anunciou por parte do BNG unha “ofensiva institucional para salvar o emprego”, que comezou hoxe co debate no Congreso dunha iniciativa nacionalista para que a Cámara pronúnciese sobre a intervención da fábrica, que tamén será trasladada ao Parlamento de Galicia nos próximos días.

“É O MOMENTO DE QUE OS GOBERNOS DEMOSTREN VALENTÍA”, DI A LÍDER DO BLOQUE

É o momento, insistiu, de que “os Gobernos estean á altura”, de que “demostren valentía” e dean “o paso” de intervir a planta de aluminio, porque se trata dunha posibilidade “viable e legal”, que xa se está aplicando noutros países europeos como Portugal, Italia ou Alemania.

Pontón tamén quixo expresar “o total apoio do BNG aos traballadores” neste “momento decisivo”, no que “este país non pode permitirse baixo ningunha circunstancia” o peche dunha “fábrica fundamental para A Mariña”.

Ademais, recordou que os despedimentos que pretende aplicar Alcoa non son só os 524 anunciados no persoal, senón “o dobre”, porque habería que sumarlles os que previsiblemente se producirán nas auxiliares se pecha a fábrica.

“Queremos transmitir o apoio claro do BNG” a uns traballadores e a unha comarca que “lle están plantando cara a unha multinacional” e que “non van permitir que se tire ao lixo o seu traballo e que se enterre unha comarca“, concluíu.

PEDRO HOJAS (UGT) ESTARÁ O MÉRCORES EN SAN CIBRAO

O secretario xeral de UGT FICA, Pedro Hojas, ten previsto viaxar mañá mércores,
14 de outubro, a Galicia para mostrar persoalmente o seu apoio e solidariedade cos e
as traballadoras de Alcoa San Cibrao e as súas familias, que manteñen unha folga
indefinida desde que a Dirección anunciara o peche da planta e o despedimento do
persoal.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here