InicioEconomía"Se Alcoa quere condenar A Mariña, a responsabilidade social de impedilo é...

“Se Alcoa quere condenar A Mariña, a responsabilidade social de impedilo é das Administracións”

Os traballadores do complexo industrial de San Cibrao e das auxiliares cortan a LU-862 á altura da rotonda de Beltrán para reclamar a expropiación da planta de aluminio

Publicada o

- Advertisement -

Ramón González Rey/axencias. Os traballadores da planta de Alcoa San Cibrao, que manteñen a folga indefinida no complexo industrial e o control de accesos para evitar a saída de aluminio, levaron este sábado as súas protestas para esixir unha solución que garanta a produción e o mantemento do emprego ao municipio de Xove, onde cortaron con barricadas a estrada autonómica LU-862. A estrada estivo unha hora cortada, de 11.30 a 12.30 horas, aproximadamente.

Baixo un ceo gris, cuberto de nubes, decenas de traballadores vestidos coa súa roupa de faena sumáronse a esta protesta, cortaron a estrada con barricadas feitas con neumáticos e logo prendéronlles lume, como xa o fixeron antes na Autovía do Noroeste, na do Cantábrico e na estrada Nacional 642.

A estrada autonómica LU-862 quedou cortada no lugar do Cruceiro, á altura da coñecida como rotonda do Terramar ou Beltrán, no municipio de Xove, sobre cuxos terreos se asenta unha parte do complexo industrial de Alcoa.

VEN NA NACIONALIZACIÓN TEMPORAL A ÚNICA SAÍDA

De novo, volveron escoitarse consignas xa coñecidas na loita dos traballadores de Alcoa pola supervivencia da planta, como ‘Álvaro Dorado, primeiro ti ao paro‘, ‘A solución, unha intervención‘, ‘Enerxía, solución‘, ‘Onde está o estatuto, o estatuto onde está‘, ‘A Mariña sálvase loitando‘, ‘Fóra yankis, pandilla de mangantes’ ou ‘As cubas non se paran‘.

Ademais, os traballadores, que seguen reclamando a nacionalización temporal da empresa para logo venderlla ao grupo Liberty House, interesado na compra do complexo industrial, tamén berraron ‘Se non hai solución, Goberno dimisión‘.

O comité de empresa presentou onte no rexistro do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a solicitude para paralizar de forma cautelar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado por Alcoa, que xa anunciou a súa intención de executar 524 despedimentos na planta de aluminio primario e de apagar de forma progresiva as cubas da planta, de forma que o proceso quede concluído no primeiro trimestre de 2021. Estas medidas suporían a perda doutros alomenos 400 postos de traballo nas empresas auxiliares.

A representación dos traballadores pide a intervención da planta ou a administración xudicial da fábrica de aluminio primario por parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) ata que haxa unha resolución por parte dos tribunais.

Subsidiariamente, solicita que se lle ordene a Alcoa manter as cubas en funcionamento e, consecuentemente, “non executar os despedimentos individuais en tanto non exista unha sentenza firme“.

O DÍA 24, MANIFESTACIÓN EN LUGO

Namentres, o comité continuará coas mobilizacións para esixir unha solución que permita manter a produción de aluminio primario na fábrica da Mariña Lucense, e a continuidade dos postos de traballo, polo que convocou unha “gran manifestación” para o vindeiro sábado -día 24 de outubro- en Lugo capital.

A citada manifestación comezará ás 11.00 horas e terminará ao mediodía, cun percorrido polo centro das rúas da cidade que sairá desde o edificio administrativo da Xunta de Galicia e terminará fronte á Subdelegación do Goberno central, na Praza de Armanyá. Pretenden así que as Administracións se comprometan coa expropiación da fábrica: o Executivo autonómico apoiándoa e solicitándoa, e o estatal aplicándoa.

Así, ao chegar á Subdelegación fará entrega formal da solicitude de intervención pública temporal da fábrica ao Goberno de España.

“O GOBERNO TEN QUE SER VALIENTE; É O MOMENTO DE DEFENDER A INDUSTRIA”

“Se Alcoa quere condenar á Mariña, é o Goberno central, xunto coa Xunta de Galicia, quen ten a responsabilidade social, e a solución a estas alturas é expropiar: pagar un prezo xusto e ou ben quedarse coa planta ou vendela a quen teña un plan industrial, porque está claro que sen industria non hai futuro, o turismo non xera riqueza senón que a redistribúe”, expón desde o comité de empresa Xosé Paleo.

Sobre a solicitude de medidas cautelares presentada, o sindicalista sostén que de non prosperar “as medidas serían irreversibles, causando un dano irreparable nas instalacións e suporía un golpe no emprego nas empresas auxiliares, onde habería despedimentos automáticos. Pero a cautelarísima é un parche, gañar tempo; Alcoa non vende e o Goberno central ten que ser valiente e defender a industria, máis se cabe nun contexto de crise pola Covid-19. Hai que poñer o interese común sobre o interese particular dunha multinacional”, argumentou.

O comité segue á espera dunha cita por parte do Goberno central. “Fai oídos xordos“, lamenta Paleo, que asegura ignorar “se non nos convoca porque está a negociar con Alcoa. O Goberno central mentiu moitas veces, un exemplo é o estatuto, que leva máis de ano e medio sen aprobar. Ten que actuar xa decididamente: non mediar nunha negociación, porque ese recurso xa non funcionou, toca expropiar”, finaliza.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...