InicioEconomíaO comité de Alcoa esixe ao Goberno unha solución ao ERE "inmediata...

O comité de Alcoa esixe ao Goberno unha solución ao ERE “inmediata e fóra dos xulgados”

Os sindicatos lembran que a multinacional pode executar o despedimento colectivo sen esperar á vista da cautelar e reclaman a convocatoria da mesa multilateral comprometida

Publicada o

- Advertisement -

O comité de Alcoa San Cibrao reclamou este mércores nun comunicado de prensa “unha solución inmediata fóra dos xulgados” ao Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional na planta de aluminio, e insistiu que a continuidade dunha actividade industrial “esencial e estratéxica” depende “dunha decisión política” do Goberno central, ao que urxiu a actuar.

Os sindicatos lembran que o vindeiro 28 de outubro terán que acudir á vista na que se abordará a solicitude de medidas cautelares para paralizar o despedimento colectivo, que suporía a perda de 524 postos de traballo na fábrica de aluminio e doutros alomenos 400 na industria auxiliar de San Cibrao, ademais da parada das cubas de electrólise, medida que os traballadores consideran “a morte” do complexo industrial, condenando tamén á refinería de alúmina.

O persoal insiste en reclamar a intervención pública de Alcoa San Cibrao dado que entende que a multinacional non ten interese en negociar unha venda, tras rexeitar ofertas da siderúrxica británica Liberty House e da propia Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI). Deste xeito, reclaman a implicación dos Gobernos para intervir a fábrica, e solicitan de novo a convocatoria dunha mesa multilateral -con Xunta de Galicia e Executivo estatal- “prometida para a semana pasada”.

ACONSELLA COMO ACTUAR ANTE POSIBLES CARTAS DE DESPEDIMENTO

O organismo de representación dos traballadores lembra que Alcoa “pode, a día de hoxe, comezar a entregar as cartas de despedimento, antes da celebración da vista”. Así pois, instan ao persoal a actuar da seguinte maneira: “firmar non conforme, se a entrega se realiza en man, asegurándose o traballador de quedar cunha copia; a sinatura non é necesaria en caso de comunicación por correo”.

Os sindicatos piden aos obreiros afectados que posteriormente acudan ao comité de empresa, “onde obterán asistencia xurídica, ademais de realizar un control do alcance das medidas“.

MOBILIZACIÓNS XOVES E SÁBADO

As mobilizacións seguirán namentres os traballadores non teñan unha solución para manter a actividade industrial e os empregos. A seguinte será o xoves, ás 11.00 horas ante a oficina de emprego en Burela, escenificando o impacto sociolaboral do despedimento colectivo na comarca. O sábado o persoal levará as protestas en Lugo, onde solicitará formalmente, ante a subdelegación do Goberno central, a intervención pública da planta. A marcha partirá da sé provincial da Xunta, ás 11.00 horas. O comité pide apoio para a protesta na capital lucense, mantendo sempre as medidas de seguridade ante a Covid-19, como o uso da máscara ou o distanciamento interpersoal.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...