Unha cola con dúas ringleiras de medio quilómetro ante o INEM simboliza o impacto do ERE de Alcoa

Centenares de traballadores participaron nunha protesta que serviu para reclamar a intervención pública da planta: "o futuro do aluminio e da comarca non se pode dirimir nun xulgado"

Centenares de traballadores participaron na protesta. EFE/ELISEO TRIGO

Ramón González Rey/EFE. Centenares de traballadores de Alcoa San Cibrao formaron este xoves unha cola ante as Oficina de Emprego de Burela -dos Servizos Públicos de Emprego da Xunta e do INEM– para simbolizar o que pasaría se finalmente a multinacional norteamericana leva adiante o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que deixaría na rúa a 524 traballadores da planta de aluminio primario e a outros alomenos 400 da industria auxiliar, e suporía o apagado das cubas de electrólise.

A cola que formaron os traballadores de Alcoa, separados aproximadamente por dous metros cada un -para respectar as medidas de prevención fronte ao Covid-19-, chegou ao Concello de Burela, de modo que alcanzou unha lonxitude de aproximadamente medio quilómetro desde a porta da Oficina de Emprego.

“QUEREMOS ESCENIFICAR O QUE PODERÍA PASAR NUNS DÍAS”

Como noutras mobilizacións, escoitáronse proclamas a favor dunha intervención pública da factoría para a súa posterior venda a Liberty House, a multinacional interesada na compra do complexo industrial de San Cibrao, como ‘Enerxía Solución‘, ‘A solución, unha intervención‘, ‘As cubas non se paran‘ ou ‘Goberno escoita, a Mariña está en loita‘, acompañadas de aplausos.

Os traballadores de Alcoa volveron insistir en que ‘A Mariña sálvase loitando‘ e arremeteron de novo contra a dirección da multinacional en España con frases como ‘Álvaro Dorado, primeiro ti ao paro‘.

“Queremos escenificar o que podería suceder nuns días se o Goberno central non intervén a planta ou non obriga a Alcoa a negociar de verdade”, expuxo o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan. “Non se pode deixar nas mans dos xuíces o futuro industrial dun país”, afirmou.

Sobre os posibles despedimentos, Zan concretou que “por agora non chegou ningunha, pero sabemos que a xente de recursos humanos está a traballar niso, indo mesmo con escoltas privados, así que supoñemos que non é para darnos a orde do día”, ironizou.

Preguntado pola aprobación, tanto no Congreso coma no Parlamento, de iniciativas a prol dunha intervención temporal para asegurar a venda, o sindicalista valorou “que os políticos escoitaron o clamor da Mariña”, pero matizou que “o que hai é que executar esa medida e publicala no BOE“.

SEN DATA PARA A MESA MULTILATERAL

A mesa multilateral comprometida polo Executivo central para a semana pasada aínda non ten cita. “Seguimos agardando por ela, agora que Alcoa xa puxo os despedimentos enriba da mesa”, lamentou.

O comité convocou para este sábado, día 24 de outubro, unha “gran manifestación” en Lugo, que partirá da Delegación Territorial da Xunta de Galicia e terminará fronte á Subdelegación do Goberno, onde os traballadores farán entrega da solicitude formal de intervención da planta da Mariña.

PENDENTES DA VISTA SOBRE AS MEDIDAS CAUTELARES

A semana que vén, o día 28, celebrarase no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a vista sobre as medidas cautelares solicitadas polos sindicatos a fin de deter o despedimento colectivo. “É moi triste que o futuro do aluminio na comarca e da Mariña Lucense se vaia dirimir nun xulgado cando son PP e PSOE os que teñen que actuar e tomar unha decisión como país. Estanlle deixando esa decisión ao xuíz, pero o único que podería é suspender o ERE ata que haxa xuízo e sentenza firme. O que teñen é que cumprir o que prometen, porque levamos meses de vía crucis”, salientou.

CENTOS DE EMPREGOS PERIGAN NAS AUXILIARES

O ERE tería un impacto non só no complexo industrial de aluminio, senón tamén nas empresas auxiliares, o conglomerado de arredor de trinta contratistas que realizan distintas tarefas no mesmo. Estímase que alomenos dez marcas que teñen na factoría todos os seus traballos estarían abocadas ao peche, mentres que outras preto de vinte estarían nunha situación de incerteza.

O voceiro da plataforma que coordina a representación sindical nestas empresas, Kike Rocha, expón que “é un éxito ver unha cola de dobre fila desde o INEM ao Concello de Burela, que é representativa do que suporía o ERE para o emprego nesta comarca”.

“Levamos meses seguindo na mesma liña. Reclamabamos a intervención cando Alcoa comezou o período de consultas informal do ERE e tamén agora que o aplicou e cando hai un investidor que quere mercar a planta. Estamos impacientes porque se celebre a vista das cautelares porque o que ocorra con ela decidirá para que lado vai o conflito“, salientou.

Obreiros de Alcoa e auxiliares manteñen desde hai semanas folga indefinida, pero coidan de que non apaguen as cubas de electrólise. “Agora mesmo hai unha calma tensa, sabendo que lle queda pouco á planta. É unha situación estraña, de non saber cando a multinacional vai comezar a despedir xente na principal e por iso tamén romper coas contratistas“, admitiu.

Rocha pediu “todo o apoio da Mariña Lucense e da xente que nos queira acompañar en Lugo” para a manifestación convocada para o sábado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here