O comité pide “decisión política” pois na vista quedou claro que Alcoa “só quere danar as instalacións”

Zan insta a Xunta e Goberno a actuar dado que a multinacional pretende que España "teña que importar todo o aluminio que consome", o que entende como "un ataque ao Estado de dereito"

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, en primeiro plano á entrada das instalacións do TSXG. EFE/CABALAR

EFE. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, opina que na vista celebrada onte no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) quedou “moi claro para todas as partes” que a multinacional norteamericana busca “facer dano ás instalacións e aos traballadores“, para que “nunca máis se volva a producir aluminio primario en España“.

A súa intención, insistiu Zan, “non é buscar algún tipo de solución” que poida garantir a viabilidade do complexo, porque o que busca é pechalo e deixalo nunhas condicións precarias, para que ninguén poida reiniciar alí a actividade industrial.

Ao seu xuízo, a forma de proceder de Alcoa responde ao seu interese empresarial, para “que España teña que importar do estranxeiro todo o aluminio que consumen as súas empresas”.

En canto á situación da planta de aluminio primario e en relación co Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que pretende aplicar Alcoa para despedir a 524 traballadores de persoal, Zan dixo que “está ben que os xuíces decidan” sobre unha paralización cautelar do mesmo, pero insiste en que o futuro da planta e da produción de aluminio pasa por “unha decisión política“.

De feito, considera que o que está sucedendo, en realidade, é que “un Estado de dereito está sendo atacado por unha multinacional”.

Recorda que o comité e o persoal “xa fixeron o seu traballo. Un gran traballo durante moitos meses”, pero agora son os políticos quenes teñen que facer o seu, incidiu, reclamando a Xunta de Galicia e Goberno central que ou ben obriguen a Alcoa a negociar unha venda ou ben procedan á expropiación da fábrica.

AS PERDAS ESGRIMIDAS POR ALCOA, “UN CONTO CHINÉS”

Zan discrepou dos datos sobre perdas que argumenta a multinacional americana para o peche da fábrica de San Cibrao, que estiman en 170 millóns de euros en tres anos, polo que cre que se trata dun “conto chinés“.

“O que non falan é dos beneficios que teñen por parte das axudas que reciben, como, por exemplo, polo CO2 que non as meten nas contas, ao non telas rexistradas en tres anos e así por exemplo non inclúen 40 millóns de euros. Todo o que achegan son datos mal informados para tentar situar ao xulgado”, sinalou.

O TRIBUNAL TEN CINCO DÍAS PARA DECIDIR

Tralos distintos enfoques ante o TSXG, que ten cinco días para decidir, Zan móstrase optimista. “Teñen que situarse ao noso favor porque cremos que quedou bastante claro”, afirmou.

Non hai posibilidade de facer unha parada das cubas que non afecte gravemente á produción de aluminio e ao futuro da fábrica, que non volvería funcionar xamais nesas condicións”, concluíu o presidente do comité de empresa da factoría de Alcoa en San Cibrao.

CONTINUARÁN AS MOBILIZACIÓNS

O sindicalista de Comisións Obreiras avanza que continuarán coas “mobilizacións“, que seguirán coas protestas ao entender que “isto non acabou”. Zan volveu a manifestar que “o problema e a solución pasan polos mesmos; o Goberno de España e a Xunta teñen que empezar a acometer a intervención canto antes e deixarse de tanto compadreo cunha empresa que se está rindo de todos nós”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here