O comité de Alcoa na Coruña agradece o apoio social e asegura que “gañaremos”

Unhas 6.000 persoas, con representantes políticos e sindicais, participaron na concentración do pasado sábado na cidade herculina

Obreiros de Avilés na manifestación do pasado sábado. AXM

O comité de Empresa da fábrica de Alcoa na Coruña agradeceu cun comunicado o apoio político e social que recibiu na manifestación do pasado sábado, que congregou a unhas 6.000 persoas na cidade herculina.

Os traballadores iniciaron un programa de mobilizacións contra o peche das factorías de Avilés e A Coruña, anunciado pola multinacional do aluminio o pasado 17 de outubro.

No texto, os obreiros agradecen o seu respaldo á cidade da Coruña e aos operarios das fábricas de Avilés e de San Cibrao, así como ás formacións políticas, sindicatos e asociacións que se posicionaron a prol das 369 persoas que serían despedidas na planta coruñesa e das 317 que perderían o seu emprego na avilesina.

Comunicado dos traballadores. AXM

O comité de empresa de Alcoa na Coruña insistiu na necesidade de regular a tarifa eléctrica para favorecer aos grandes consumidores de enerxía. “Se (este apoio) se puidese transformar en enerxía resolvería o problema (do despedimento colectivo) para sempre e o de todos os consumidores”, aseguran.

Finalmente, os traballadores resaltan a súa intención de perseverar para que Alcoa retire os ERE de extinción presentados. “Seguiremos loitando e estamos convencidos, agora máis que nunca, de que con todo o agarimo e apoio que estamos a recibir gañaremos“, conclúen.

A VINDEIRA MANIFESTACIÓN, O 29

Os obreiros de Alcoa na Coruña seguirán cortando a saída de camións con mercancía da fábrica. A vindeira manifestación prevista, unha marcha con roupa de traballo desde a factoría ata a delegación de Goberno, será o luns 29 de outubro.

O 31 de outubro iniciarase o período consultas do procedemento de despedimentos colectivos. E para o 8 de novembro está convocada unha mobilización en Avilés.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here