InicioEconomíaO comité de Alcoa pide aos obreiros que "defendan" as cubas extremando...

O comité de Alcoa pide aos obreiros que “defendan” as cubas extremando as precaucións contra a Covid-19

Os sindicatos preveñen contra "un contaxio multiplicado" que obrigue a parar a maquinaria e afirman que "somos exemplo en España de que se poden facer mobilizacións con seguridade"

Publicada o

- Advertisement -

O comité de Alcoa San Cibrao pediu este venres aos traballadores que sigan a “extremar as precaucións” nos seus postos a fin de evitar “un contaxio multiplicado” que obrigue a parar as cubas de electrólise. “Non podemos deixalas caer, temos que defendelas”, expuxo o presidente do organismo de representación do persoal, José Antonio Zan, nun vídeo no que se dirixe aos compañeiros.

Así o indicaron os sindicatos despois dunha reunión cos xefes de planta no relativo á pandemia da Covid-19, un encontro que se repetirá cada venres. Zan afirmou que “levámolo facendo ben moito tempo e somos exemplo en España de que se poden facer mobilizacións con seguridade“. Deste xeito, fixo fincapé na idea de que “temos que seguir funcionando para cando veña o comprador ou a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) a facerse cargo da fábrica”.

O comité quixo dar azos aos traballadores ante a situación actual do conflito laboral, que parece encamiñado ao 3 de decembro, cando se celebrará o xuízo pola impugnación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) na planta de aluminio, o despedimento colectivo que afectaría a 524 obreiros da factoría e a outros 400 da industria auxiliar, ademais de supoñer a clausura da electrólise de San Cibrao, o “corazón” do complexo industrial.

“Se hai que esperar un pouco máis, esperaremos. Somos duros e imos seguir loitando”, sostivo Zan.

PROBAS SEROLÓXICAS E COMEDOR

No relativo á xuntanza, os sindicatos concretaron que se probarán varias máscaras ao longo da vindeira semana e que se efectuarán probas serolóxicas por parte do servizo médico a todo o persoal que entre novo, a todo aquel que volva despois dunha baixa por Covid-19 ou unha doenza similar e nos casos que haxa “dúbidas”, “segundo se produzan reclamacións”.

Respecto ao comedor de fábrica, “segue bloqueado por recursos humanos e dirección, sen dar explicacións e sen conceder unha reunión que solicitamos xa hai máis de seis meses”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...