InicioEconomíaO Casón, sempre na memoria dun persoal que quere evitar que paren...

O Casón, sempre na memoria dun persoal que quere evitar que paren de novo as cubas 33 anos despois

Membros do comité durante o conflito laboral de 1987, que foi despedido ao completo, participaron nun acto en San Cibrao no que os traballadores reclamaron a intervención da planta

Publicada o

- Advertisement -

Centenares de persoas participaron este mércores nunha concentración en San Cibrao coa que o persoal de Alcoa quixo conmemorar o 33 aniversario do apagado das cubas de electrólise do complexo industrial por mor do conflito laboral do Casón.

Máis de tres décadas despois, a maquinaria corre o risco de apagarse de novo se se executa o expediente de regulación de emprego (ERE) que a multinacional presentou na planta de aluminio. O comité de empresa quixo lembrar así que podería repetirse unha situación tan dramática coma a de entón, cando arredor de 600 traballadores quedaron na rúa no coñecido como “o Nadal máis triste” da Mariña Lucense.

A maioría dos obreiros que se viron afectados polo conflito do Casón recuperaron os seus traballos, non así os 23 membros do comité de empresa. No acto estivo José Manuel García Otero, un dos sindicalistas despedidos e interviu a súa filla Tamara, que escribiu un ensaio sobre os feitos. Tamén se recreou a escena dun apagado das cubas por parte dun traballador disfrado do presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado.

O CONFLITO LABORAL, “UN ANTES E UN DESPOIS”

“Xuntámonos neste lugar para reivindicar o mesmo que hai 33 anos, que non se pare a produción”, expuxo Tamara García, que lembrou que os sindicalistas e os empregados “sufriron as represalias da empresa por unha situación allea a eles, porque non tiñan a culpa de que bidóns tóxicos dun buque que embarrancou na Costa da Morte remataran ás portas do complexo”.

“Foi un antes e despois para a fábrica de San Cibrao”, asegurou García. “Foi a primeira vez que a empresa, daquela Inespal, decidiu parar as cubas; é o momento de que toda A Mariña loite xunta para que isto non volva pasar”, xulgou.

“Seguro que están aquí moitas das persoas que marcharon desde Burela á fábrica ao berro de ‘nin un paso atrás’. Eles sabían que nos xogabamos o futuro dunha comarca. Non podemos deixar que volvan baixar o machete“, afirmou, “porque se se paran as cubas vanse volver parar moitas cousas na Mariña”.

Á ESPERA DA RESOLUCIÓN DO TSXG SOBRE O ERE

O persoal de Alcoa segue á espera dunha “solución política” para o conflito laboral, pois entende que aínda que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declare nulo o despedimento colectivo presentado por Alcoa, que suprimiría 524 empregos na planta de aluminio e alomenos 400 na industria auxiliar, a única solución para a continuidade do emprego e da produción é a intervención pública.

Así, escoitáronse de novo cánticos como “a solución, unha intervención”, “enerxía solución”, “se non hai solución, Goberno dimisión”, “nin un paso atrás” ou “as cubas non se paran”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...