A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nulo o expediente de regulación de emprego (ERE) presentado por Alcoa na planta de aluminio de San Cibrao, un despedimento colectivo que suporía a parada das cubas de electrólise do complexo industrial e afectaría a 524 traballadores da fábrica, cunha afectación noutros alomenos 400 postos de traballo nas empresas auxiliares, segundo estiman os sindicatos. O Alto Tribunal galego aprecia “mala fe” na medida empresarial, segundo expuxeron fontes do TSXG, de xeito que dá a razón ás centrais CC OO, CIG e UGT, demandantes no proceso.
Trátase do segundo revés xudicial que encaixa Alcoa, despois de que o TSXG estimara en parte as medidas cautelares solicitadas polos sindicatos, prohibíndolle parar as cubas de electrólise. Unha prohibición que se consolida, pois só era efectiva ata que houbese sentenza sobre o despedimento colectivo.
Comité de empresa, sindicatos, Goberno central e Xunta de Galicia e a poboación da Mariña Lucense reclamaron a Alcoa ao longo dos últimos meses que acepte unha venda das instalacións. De negarse tamén a un traspaso malia os revés xudiciais, os traballadores reclaman a intervención pública da planta. Contra a sentenza, segundo concreta na mesma o propio TSXG, só cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.