Os traballadores de Alcoa en San Cibrao decidirán este mércores novas mobilizacións

A Deputación aprobou unha declaración institucional na que insta á empresa a "manter o emprego" tamén na fábrica cervense

O deputado provincial do BNG, Antón Veiga, cun cartel de apoio aos traballadores. ÓSCAR BERNÁRDEZ

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao convocou este mércores unha asemblea de traballadores, desde as 15.30 horas.

Na xuntanza abordarase o ERE de extinción presentado pola empresa estadounidense para as plantas de Avilés e A Coruña.

Na reunión plantexaranse novas mobilizacións contra o peche das fábricas e para solicitar unha tarifa eléctrica que garanta os postos de traballo non só nas factorías ameazadas, senón tamén en San Cibrao.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Precisamente, a Deputación de Lugo aprobou este martes unha declaración institucional en apoio aos traballadores de Alcoa en San Cibrao.

A moción partiu do Partido Popular, que retomou o texto aprobado o pasado 24 de outubro no Parlamento de Galicia.

o documento aprobado polo ente provincial modifica o texto aprobado no parlamento galego para citar a san cibrao

O acordo inclúe unha modificación do cuarto punto do documento, que instaba á multinacional a retirar o ERE de extinción presentado para fábrica da Coruña e “buscar solucións” para garantir o emprego na mesma.

Así, a declaración institucional da Deputación demanda que se garantan os postos de traballo das grandes factorías e cita expresamente a San Cibrao, para lembrar, tal e como expresaron os traballadores, que a planta cervense tamén está en risco. Informa Óscar Bernárdez.

O COMITÉ CORUÑÉS DENUNCIA Á FIRMA

O comité de empresa de Alcoa na Coruña tramitou unha demanda ante o Ministerio de Traballo e a Inspección de Traballo de Galicia contra o ERE de extinción presentado pola multinacional do aluminio.

Os traballadores consideran que hai motivos para declarar o ERE extintivo como “nulo”, ao entender que “vulnera” a lexislación española.

A demanda sumarase á denuncia presentada polo comité europeo nos tribunais holandeses.

o comité da coruña non se presentará este mércores ao encontro coa firma para constituír a mesa negociadora do ere

NON NEGOCIARÁN COA EMPRESA

Os empregados da Coruña informaron de que non acudirán ao encontro coa empresa previsto para este mércores, ás 16.00 horas en Madrid.

O día 31 é a data sinalada pola empresa norteamericana para o inicio do período de consultas do ERE e a constitución da mesa negociadora do mesmo.

Os obreiros discrepan da intención da empresa de negociar conxuntamente o ERE. “Esta negociación hai que abordala a título local, por plantas, por un lado Avilés e por outro A Coruña”, sinalou o presidente do comité, Juan Carlos López Corbacho.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here