InicioEconomíaO comité de Alcoa, sobre a petición de levantar a folga: "sen...

O comité de Alcoa, sobre a petición de levantar a folga: “sen fábrica non hai clientes”

Os ERTE de Reymogasa e Cyrgasa por mor da negativa da empresa a cambiar as cubas prorrogaranse ata o 31 de marzo do 2021, cun arredor de 50 traballadores afectados

Publicada o

- Advertisement -

Ramón González Rey/axencias. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, volveu a esixir este xoves unha “solución” para manter aberta a factoría do concello lucense de Cervo.

Zan espera de 2021 que a multinacional “cumpra cos acordos que ten asinados, dado que hoxe é o último día para reincorporar a un listado de persoas que terían que incorporarse e seguen nas súas casas”.

“Deben de cumprir co acordo que se asinou hai ano e medio para que entren a traballar e tamén esperamos que dunha vez por todas senten a negociar co goberno e cheguemos a ter unha solución canto antes”, reivindicou.

O sindicalista refírese ao acordo adoptado a finais de febreiro do 2019, cando o persoal de San Cibrao aceptou a recolocación de traballadores das fábricas da Coruña e Avilés e prexubilacións na fábrica a cambio de que 41 temporeiros tivesen garantidos os seus contratos de relevo.

MANTERÁN O CAMPAMENTO EN NOITEVELLA

Malia ser Noitevella, os traballadores manterán a folga ás portas da planta. O propio presidente do comité de empresa fará “garda” no campamento montado polos obreiros para que non salga material da factoría.

Respecto diso, Zan insiste en que os traballadores non van ceder “nin un milímetro” nas súas “intencións e na solución. E para ter clientes hai que ter fábrica”, razoa.

Sen fábrica non hai clientes, de nada vale que sirvamos hoxe aos clientes se mañá pechan a planta. O que se necesita é que en España se produza aluminio primario e por iso temos unha folga convocada, para seguir producindo”, remarcou.

Tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia solicitaran aos traballadores levantar o paro, unha vez o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nulo o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado por Alcoa.

Con todo, a multinacional non desiste de aplicar o despedimento colectivo e presentou recurso de casación ante o Tribunal Supremo, obviando a oferta dos traballadores, que ofreceron levantar a folga se Alcoa sentaba a negociar unha venda das instalacións.

INCERTEZA NAS CONTRATISTAS

Por outra banda, a negativa de Alcoa a reactivar ao 100% o funcionamento do complexo industrial de San Cibrao segue a pasar factura nas empresas auxiliares. Os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) asinados en dúas contratistas, Reymogasa e Cyrgasa, por mor da renuncia de Alcoa ás tarefas de brascaxe das cubas de electrólise foron nas últimas horas prorrogados ata o 31 de marzo do 2020, data coincidente coa fixada pola multinacional para o apagado da maquinaria.

Segundo concreta o presidente do comité de empresa de Cyrgasa, Diego Fernández, once traballadores da auxiliar veranse afectados pola prórroga do ERTE. As condicións do novo acordo serán as mesmas, pero os traballadores que acumulen o máximo pactado anteriormente de 150 días en ERTE -computando tamén as xornadas previas á prórroga- deberán entrar a traballar. En Reymogasa, o total de operarios afectados supera a trintena.

A coordinadora que aglutina a representación sindical na industria auxiliar -con arredor dunha trintena de empresas e un milleiro de traballadores implicados- alertou días atrás sobre a perda de postos de traballo ante a negativa de Alcoa a realizar investimentos.

“Agora mesmo estase a apertar moito, especialmente en alúmina, rebaixando o mantemento”, expón Fernández, que se amosa preocupado “pola situación de 19 traballadores do porto; tememos que o contrato novo pretenda prescindir das quendas de noite“, remarca.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...