O comité suspenderá a folga se Alcoa se compromete a negociar a venda e garantir as instalacións

Sindicatos e multinacional sentarán de novo este mércores a primeira hora da mañá, cunha "última proposta" por parte do persoal ante unha situación "moi bloqueada"

Traballadores de Alcoa e as súas familias, nun acto en Viveiro. AXM

O comité de empresa do complexo industrial de San Cibrao e a dirección da multinacional Alcoa sentarán de novo a negociar mañá, a partir das 9.00 horas, para tentar chegar a un acordo sobre as condicións que permitan abordar de novo unha venda da planta de aluminio.

A representación dos traballadores emitiu na tarde deste luns un comunicado en vídeo no que sostén que a situación trala segunda xornada de conversas está “moi bloqueada“, e no que anuncia unha “última proposta” para chegar a un pacto coa compañía.

O comité propón a suspensión da folga indefinida que mantén no complexo industrial, advertindo de que volvería “á situación actual” de paro, tanto en aluminio como en alúmina, “se non houbese un bo resultado na negociación” de venda das instalacións. A cambio, segundo a proposta, “Alcoa comprometeríase por escrito sentar a negociar, e tamén a non parar ningunha das series e a manter o persoal para a produción diaria e o mantemento das instalacións”, expuxo o presidente da representación sindical do persoal, José Antonio Zan.

Os obreiros manteñen o paro desde principios do pasado mes de outubro, cando Alcoa se negou por primeira vez a vender -rexeitando ofertas da siderúrxica británica Liberty House e da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI)- a planta de aluminio, na que presentou un expediente de regulación de emprego (ERE) que suporía o peche da electrólise e máis de 900 despedimentos entre a factoría e a industria auxiliar.

O despedimento colectivo foi declarado nulo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), pero Alcoa presentou recurso de casación ante o Supremo. A multinacional anunciou a súa disposición a “explorar” unha venda coa SEPI coa condición de que os traballadores levanten a folga.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here