Conde agarda que Alcoa e comité “desbloqueen a situación” para avanzar nunha venda

O conselleiro de Industria presiona para "unha resposta en positivo" das dúas partes a fin de comezar as negociacións coa SEPI para o traspaso das instalacións

Francisco Conde. CARLOS CRESPO/XUNTA DE GALICIA

EFE. O vicepresidente económico da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, espera que o comité de empresa e a dirección de Alcoa poidan pechar un acordo que poña fin á folga indefinida que comezou a principios de outubro no complexo industrial de San Cibrao e así “desbloquear a situación actual” para avanzar no proceso de venda da fábrica. Sindicatos e dirección da multinacional reúnense de novo na mañá deste luns para acordar unha serie de condicións que posibiliten abordar unha venda das instalacións.

“O que esperamos é que haxa unha resposta en positivo por parte de Alcoa e por parte do comité, para desbloquear a situación actual e para que podamos empezar a traballar co Goberno, coa Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI)“, dixo Conde aos medios de comunicación, “de cara a que se poida producir a venda da planta”.

“Ese é o obxectivo común que temos todos”, recordou o conselleiro, “que haxa unha continuidade dos postos de traballo”, pero para iso é necesario ese acordo “entre Alcoa e o propio comité”, un entendemento entre ambas partes que permita alcanzar a “paz social” que demanda a multinacional para reiniciar a negociación.

“Necesitamos que haxa ese acordo entre Alcoa e o propio comité” e “a partir de aí” que tanto o Goberno de España, a través da SEPI, como a Xunta de Galicia poidan “negociar a venda da planta” que “é a vía” para darlle “solución” á situación da fábrica e “garantir os postos de traballo”.

CRITICA O ESTATUTO, QUE “NON DÁ RESPOSTA” Á INDUSTRIA ELECTROINTENSIVA

En todo caso, tamén recordou que “desde o punto de vista da política enerxética” séguese botando en falta “estabilidade” e un “un prezo competitivo, tanto para a industria como para os propios consumidores”.

“O estatuto non está dando unha resposta obxectiva en termos de certeza e de estabilidade. As empresas non teñen as mesmas condicións que noutros países, como poden ser Francia ou Alemaña“, lamentou o conselleiro, “porque neses estados si se está producindo un contexto de apoio á industria electrointensiva que non se está producindo en España”.

“Somos conscientes de que o camiño é a aposta polas renovables, pero mentres as renovables non garantan a estabilidade desde o punto de vista do fornezo eléctrico, necesitamos outro tipo de políticas”, concluíu, tanto para a industria como para os consumidores.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here