O comité abordará o mércores nun pleno extraordinario “a proposta definitiva” de Alcoa

O encontro dos sindicatos celebrarase ás 11.00 horas, segundo concretou a representación dos traballadores; por agora non trascendeu o contido da proposición

Representantes do comité, nunha concentración en Lugo. AXM

Os sindicatos que compoñen o comité de empresa de San CibraoCC OO, CIG e UGT– analizarán mañá mércores, nun pleno extraordinario, a “proposta definitiva” de Alcoa no marco da negociación que a representación dos traballadores e a multinacional mantiveron ao longo dos últimos días para chegar a un acordo que permita o inicio do proceso de venda da planta de aluminio.

Alcoa amosárase aberta a “explorar” unha venda das instalacións de haber “paz social” no complexo industrial, esixindo o levantamento da folga indefinida que os sindicatos manteñen desde o pasado mes de outubro, cando a multinacional rexeitou ofertas de Liberty House e da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) pola planta de aluminio e insistiu en aplicar un expediente de regulación de emprego (ERE) que suporía a parada das cubas de electrólise e máis de 900 despedimentos entre a fábrica e a industria auxiliar.

O ERE foi declarado nulo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), pero Alcoa recorreu o fallo ante o Supremo.

Os traballadores comprometéranse a suspender a folga a cambio de garantías por escrito sobre a negociación de venda e sobre o estado das instalacións, instando á empresa a non parar series e contratar o persoal suficiente para o mantemento das mesmas.

Segundo concretou o comité de empresa, o pleno extraordinario no que se abordará a proposta celebrarase ás 11.00 horas. Por agora non trascendeu o contido da mencionada oferta de Alcoa, que a empresa entregou por escrito.

ALCOA GARDA SILENCIO SOBRE AS CONDICIÓNS

Alcoa gardou silencio sobre as condicións da proposta, que “deberá ser asinado por todos e cada un dos membros do comité de empresa e das seccións sindicais con representación no comité”, se limitou a expoñer.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here