Denuncian “acoso á liberdade sindical” en Cotelsa ao voceiro da plataforma obreira das auxiliares

Segundo a CIG, o sindicalista foi retirado do posto que ocupou durante sete anos e foi recolocado en traballos de menor cualificación "a partir das negociacións do ERE" con Alcoa

Kike Rocha. AXM

O sindicato CIG alertou este martes a través dun comunicado de prensa do “atropelo á liberdade sindical” que sofre “desde hai tres meses” o delegado da central na empresa e voceiro da plataforma que coordina a representación sindical nas empresas auxiliares, Kike Rocha.

Segundo expón a nota, o sindicalista “participou como asesor da CIG en todas as negociacións realizadas con Alcoa polo Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado por esta compañía. A partir dese momento vén sufrindo un ataque e unha persecución sindical, sendo retirado do posto de traballo que viña ocupando durante os pasados sete anos, e sendo recolocado en traballos de menor cualificación e para os que non ten formación”.

A central considera que “non é casual” que “despois de tantos anos como profesional, e de anos de actividade sindical como delegado de persoal, sexa xusto agora cando é ‘necesario’ cambialo de posto. Cremos que a labor que fai a representación sindical, dunhas empresas
auxiliares coordinadas e organizadas para loitar polos dereitos dos traballadores e
traballadoras deste colectivo -que obviamente afecta a Alcoa e as patronais das
empresas auxiliares- está detrás do acoso a este compañeiro”, argumenta a CIG.

A CENTRAL PREGÚNTASE SE ALCOA “DEU A ORDE”

“Este ataque non é máis que a intención de desmoralizar, desmobilizar, e que a ninguén
se lle pase pola cabeza levantarse fronte aos intereses de quen dirixe a fábrica. E
quen mellor que o portavoz da parte máis débil do entramado para meter medo?”, pregúntase a central, que asegura descoñecer “se hai ou houbo unha orde de Alcoa de este ataque e Cotelsa só é o executor, ou se pola contra foi a dirección da auxiliar quen decidiu realizar dito ataque”.

XUÍZO O VINDEIRO LUNS

O sindicato expón que os feitos “están postos en coñecemento dos servizos xurídicos e xa hai fixada data de xuízo para o próximo 18 de xaneiro“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here