Planas afirma en Celeiro que o acordo do Brexit “limita o retroceso” previsto para o sector pesqueiro

Tralas críticas da frota ao pacto entre Reino Unido e UE, o ministro de Pesca defende que malia que unha negociación dese tipo "nunca é favorable" poderase "continuar coa actividade"

Planas visitou un buque no peirao celeirense. AXM

O ministro de Pesca, Luís Planas, afirmou en Celeiro que o acordo do Brexit supón “limitar o retroceso” previsto para o sector pesqueiro, mentres permite “continuar a actividade” á frota.

Na súa intervención durante unha visita ao porto de Celeiro, no municipio de Viveiro –no marco dunha visita de dous días a Galicia-, Planas remarcou que ata 2026 o acceso a augas británica estará garantido, aínda que a partir de entón haberá que negociar anualmente.

Así mesmo, relatou que a recente negociación sobre TAC e cotas para 2021 foi “particularmente difícil” coa “sombra do Brexit”, pero conseguiuse o obxectivo de minorar as propostas de redución da Comisión Europea, que “ían demasiado lonxe”.

A este respecto, defende un “resultado razoable” para a pescada, o rape e o galo, mentres as diminucións espéranse cubrir con intercambios.

Pero a “parte máis difícil” nas negociacións das últimas semanas foi o Brexit, coa pesca como o último que se abordou, pois “significaba en termos británicos recuperar a soberanía sobre as súas augas“.

Aínda que inicialmente este xoves falou dun resultado “favorable” na negociación do Brexit, despois quixo “matizar” as súas palabras para aclarar que “nunca é favorable” unha separación entre Reino Unido e a UE. “Poderemos manter dunha forma importante nosas capacidades de pesca”, remarcou.

No tocante ás posibilidades de pesca, asegura: “conseguimos no caso español limitalas a un nivel que me parece posible continuar a actividade que viñamos efectuando desde o punto de vista empresarial”.

A modo de exemplo, indica que a redución tras cinco anos e medio, ata 2026, será de pouco máis do 1% no caso da pescada norte coa que se faena en Celeiro. “É unha boa mostra dun esforzo que se fixo”, defende.

Visita do ministro ao porto de Celeiro. AXM

FONDOS EUROPEOS E MELLORA DE BARCOS

Nunha visita na que tamén se reuniu con representantes do sector, referiuse ao Fondo Europeo Marítimo da Pesca e a Acuicultura (Fempa) para o período 2021-2027 para lembrar que España recibirá 1.120 millóns –160 millóns anuais-, polo que se mostra “moi satisfeito” co resultado.

De feito, subliña que é superior aos fondos do anterior período entre 2014-2020 (que se prolonga ata 2023). Xunto a isto, pon en valor que haberá unha maior flexibilidade e “moitas máis posibilidades que non se tiñan ata agora autorizadas pola UE”.

Unha das cuestións acerca das que pon o foco é que se conseguiron apoios para a mellora da seguridade, confortabilidade e eficiencia enerxética de barcos, unha demanda da que España fixera “bandeira” nas súas reivindicacións.

De feito, considera que estas melloras na renovación da frota será “importante” para fomentar a substitución xeracional nun oficio “tan duro” que debe ter condicións “máis dignas e seguras”.

Xunto a isto, o ministro remarcou que “hai que acelerar” para aproveitar os fondos do anterior período FEMP. Tamén observa como un “excelente instrumento” para o sector o programa de recuperación e resiliencia con fondos ata 2023 como resposta á pandemia.

Tamén indicou que, mentres algúns países europeos exponse paradas, “este ministro non ten intención de levar ningún barco pesqueiro ao despezamento“. “É un sector de futuro que non debe deter a súa actividade”, sostén.

Por todo iso, Planas mostrou o seu “compromiso” co sector pesqueiro español, “en particular” co galego.

CELEIRO E BURELA, AUTORIZADOS PARA SERVIZOS A BUQUES BRITÁNICOS

Precisamente, Planas realiza esta visita á Mariña lucense na mesma semana na que o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a resolución pola que se autoriza aos portos de Celeiro, no municipio Viveiro, e de Burela como aptos para operacións de desembarque e transbordo de produtos da pesca de terceiros países, como é Reino Unido tras o Brexit.

O Goberno indica que, desde o momento da saída do Reino Unido da Unión Europea faise necesario aumentar o número de portos que ofrezan a prestación de servizos portuarios para os buques pesqueiros do Reino Unido.

Neste sentido, os portos de Burela e Celeiro “reúnen as características idóneas para ser incluídos” na lista na que tamén hai outros portos galegos.

Na actualidade, ningún destes dous portos dispón de Punto de Control Fronteirizo, polo que o BOE indica que nestes casos “só se permite que os buques pesqueiros de terceiros países teñan acceso á prestación de servizos portuarios, así como á carga de peixe, estando autorizado o desembarque e o transbordo de produtos da pesca orixinarios ou procedentes de terceiros países”.

A LEI DE PESCA SOSTIBLE, A EXPOSICIÓN PÚBLICA

Planas asegurou que a futura lei de pesca sostible e investigación pesqueira vai ser “un instrumento eficaz” para conseguir a modernización do sector pesqueiro español e “garantir” a súa continuidade, acadando un “aproveitamento óptimo e duradeiro dos recursos mariños”. O dirixente do Goberno central anunciou que mañá, día 15, iníciase a consulta pública, durante 15 días, do anteproxecto da normativa, que solicitará a opinión de cidadáns e das asociacións e organizacións máis representativas potencialmente afectados pola mesma.

Este trámite inicia o proceso de elaboración da norma que terá a súa primeira lectura no Consello de Ministros o próximo mes de febreiro.

O ministro destacou a importancia da lei para un sector económico esencial para a economía de España, tamén para a galega, especialmente pola súa gran concentración en certas zonas litorais, onde o emprego e a actividade económica están moi vinculados á súa sostenimiento. Esta norma forma parte do paquete lexislativo co que o Goberno quere fixar os principios rectores da política pesqueira dos próximos anos e complementarase cunha lei de modernización do control e inspección e do rexime sancionador e outra terceira destinada á dixitalización, ordenación e comercialización.

REUNIÓN CON FEIJÓO O VENRES

A visita de Planas a Galicia continuará este venres, 15 de xaneiro, cun encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Tras reunirse o xoves con representantes do sector pesqueiro galego, o venres tocaralle a quenda a membros do sector agrario.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here